Vellos con Historia

Caderno de historias de tradición oral recollidas na comarca de Meira (Lugo)

Se no verán tiñas o cute moi áspero, ao vir de muxir as vacas, collías aquela espuma que había no canado, e untabas ben a cara con ela, e quedábache suaviña de todo.
Para que non te queimase o sol na cara, cando se ía segar aos montes altos da Muíña, untábase ben con aceite e vinagre.
Se te querías depilar, había que coller un puñado de pallas ardendo, e pasalas polas pernas.
Para aqueles graos que había moito antes, que chamábamos foronchos, facíase cerato: aceite máis cera, remexido todo ben e moi quente. Tamén collíase baloco branco, unha planta de silveiro, para cocer en leite as súas follas e despois poñelas ben quentes sobre os foronchos, para que rebentasen.
Se te ortigabas, era ben fregar a pel cunha pataca partida ao medio.
Para as verrugas, collíase un limaco, fregábase con el a verruga, e despois chantábase nun coto, e segundo secaba o limaco secaba a verruga. Senón, fregábase ben co leite da planta que chamaban ceridonia.
IPP (Martín, Baleira)

Cando a xente se cortaba, botábanlle azucre e logo tea de araña para que cicatrizara mellor, cubrindo ben a ferida con barro das paredes e cun trapo por riba durante dous días.
Se picaban o dedo cun cravo, había que botarlle aceite dunha fritura de un ou dous dentes de allo, o que calmaba a dor e servía como desinfectante.
Para sandar as fendas nas mans, utilizábanse follas de figueira cocidas, ou ben untábanse con graxa de cocho.
MAD (Pousada, A Pastoriza)

Contra o bocio, hai que beber auga de sete fontes no día de San Xoán.
Contra os furúnculos, utilizábase pela de unto con mel e colocábase contra aquel.
AGR (Vilariño, Muimenta, Castro de Rei)

Había unha planta chamada baloco branco, que era moi medicinal, e que curaba as feridas do corpo moi ben.
IGL (A Pastoriza)

Se saen respigos nas uñas, hai que fregalas con moras ben maduras.
Contra as queimaduras, é bo untalas con aceite, ou tamén con follas de hedra.
Se sofres formigo (unha dolorosa infección nos dedos), debes introducir o dedo nunha casca de ovo sen abrir, rompéndoa unicamente por un extremo.
Para os graos infectados, aplicarlles unto.
Para eliminar verrugas, aplícase unha herba chamada couselo.
PDA (O Chao de Pousadoiro, Ribeira de Piquín)

Para os feronchos ou graos, mollábase a cara coa auga que quedaba de cocer “folla de sotoxo”.
IAV (O Chao de Pousadoiro, Ribeira de Piquín)

Para tratar as verrugas, ataban a serda do rabo dunha vaca arredor da verruga e agardaban así a que secara. Ou tamén fregaban a verruga co zume dunha planta chamada ceridonia durante dúas ou tres semanas ata que secaba.
Se temos unha dor, untar cun remexido de tres culleradas de xofre, tres de petróleo, tres de aceite e tres bólas de alcanfor.
Para os golpes que deixaban mouratóns, untábase a zona con artinica.
Ante unha cortadura profunda, cunha ramiña de amieiro facíase unha especie de vendaxe coa entrecasca, e así disque a ferida non collía ningún tipo de infección.
Se che picaba unha cobra velenosa, había que quentar nunha tixola allo con aceite de oliva e untalo na picadura para que desaparecera o veleno. Nos días seguintes, untar a picadura cun farelo de trigo e leite fresca. Afirman que os efectos da picadura desaparecen por completo.
AGR (Vilariño, Muimenta, Castro de Rei)

0 comentarios:

Publicar un comentario

Valoramos todo o que nos poidas aportar: comentarios, críticas, novos contos (lembra dicirnos onde se contan!), fotografías vellas, e por suposto tamén ánimos...


Benvidos!

No curso 2008-2009, profesor e alumnos de Ciencias Sociais de 4º da ESO, do IES Pedregal de Irimia (Meira, Lugo) elaboramos un traballo de investigación que rematou neste blog. Con el, quixemos compartir con vós as moitas e fermosas historias que recollemos dos nosos vellos: cantigas, remedios contra as doenzas e mal de ollo, contos de lobos, nubeiros, ánimas e santas compañas, demos, mouros, encantos, e ata tesouros enterrados (organizadas por categorías). Poderedes acceder a todas elas, consultar imaxes, deixarnos comentarios e, por suposto, mesmo enviarnos as historias que vós mesmos recollades para sumar a este caderno. Que vos gusten!

miguelabraira@edu.xunta.es

Atopa!


Coñécenos en "Quen somos"