Vellos con Historia

Caderno de historias de tradición oral recollidas na comarca de Meira (Lugo)

Antes había moita máis neve, e moitas máis tormentas, e aquí para espantar a tormenta, tocaban as campás. Tamén se collía a pá de meter o pan no forno, e púñase no pico del para espantar o trono. Outra xente poñía velas benditas e acesas nas ventás, e ao lado un cristo bendito. E aquí había un señor que puxera un cristo na ventá e unha vela, porque tiña a casa máis baixa que o nivel do camín, e pasaba unha tormenta moi grande e unha riada moi forte por diante da porta. E saíu dunha vez el á porta, ao lado da ventá, para ver se non se lle apagaba a vela, e viu que unha ventolada moi forte de aire lle levara o cristo para a riada, e que lle ía xa polo camín abaixo. Así que levou un apuro grandísimo, saíu á présa da casa e foi collelo, mollándose moito. E ao chegar a casa con el, moi enfadado, díxolle: “¡Pampallín!, dáme a gana de darche unhas hostias; cuando no te salvas tú, cómo vas a salvarnos a nosotros…”, e meteu outra vez o cristo na casa. Pero el sacábao con toda a fe.
IPP (Martín, Baleira)

Tapábanse con sabas todos os espellos que había na casa, porque dicían que atraían os raios. Despois, as mulleres da casa, collían loureiro bendito e queimábano, mentres dicían a seguinte oración: “Santa Bárbara bendita, que no ceo estás escrita, defende o pan e o trigo e saca as nosas almas de perigo”. Ademais, era recomendable non saír da casa; se alguén o facía, debía seguir algúns coidados como poñer un brote de silva na cabeza, para que non te alcanzasen os raios, ou non resgardarse debaixo das árbores ou de obxectos de metal (pois atraían moito os raios). Tamén se dicía que era mellor non andar moito coa auga dentro da casa, xa que a humidade atrae moito o aparato eléctrico.
YLA (A Muíña, Retizós, Baleira)

0 comentarios:

Publicar un comentario

Valoramos todo o que nos poidas aportar: comentarios, críticas, novos contos (lembra dicirnos onde se contan!), fotografías vellas, e por suposto tamén ánimos...


Benvidos!

No curso 2008-2009, profesor e alumnos de Ciencias Sociais de 4º da ESO, do IES Pedregal de Irimia (Meira, Lugo) elaboramos un traballo de investigación que rematou neste blog. Con el, quixemos compartir con vós as moitas e fermosas historias que recollemos dos nosos vellos: cantigas, remedios contra as doenzas e mal de ollo, contos de lobos, nubeiros, ánimas e santas compañas, demos, mouros, encantos, e ata tesouros enterrados (organizadas por categorías). Poderedes acceder a todas elas, consultar imaxes, deixarnos comentarios e, por suposto, mesmo enviarnos as historias que vós mesmos recollades para sumar a este caderno. Que vos gusten!

miguelabraira@edu.xunta.es

Atopa!


Coñécenos en "Quen somos"