Vellos con Historia

Caderno de historias de tradición oral recollidas na comarca de Meira (Lugo)

En Vilar de Mouros, recollemos algunhas historias acerca da orixe e perigo da lagoa de Fonmiñá:
Dise que na Fontemiñá, que caeron dous bois, un carro, e un home e que nunca máis se soubo deles. Tamén dicían que cerca da Fontemiñá había un rebaño de eguas, que as arrepuxaron e as tiraron na Fontemiñá e que nunca máis se soubo delas. Contan igualmente que, nunha ocasión, dous homes colleran unha pedra e que a ataran con moitas cordas para saber a profundidade que ten a Fontemiñá e que nunca o deron sabido. Tamén din que a orixe da Fontemiñá está en que hai un río moi caudaloso que nace no centro da Serra, pasa por baixo de Meira e que vai salir a Fontemiñá, e que por eso é que a auga sae á superficie alí.
PVJ (Vilar de Mouros, Meira)

0 comentarios:

Publicar un comentario

Valoramos todo o que nos poidas aportar: comentarios, críticas, novos contos (lembra dicirnos onde se contan!), fotografías vellas, e por suposto tamén ánimos...


Benvidos!

No curso 2008-2009, profesor e alumnos de Ciencias Sociais de 4º da ESO, do IES Pedregal de Irimia (Meira, Lugo) elaboramos un traballo de investigación que rematou neste blog. Con el, quixemos compartir con vós as moitas e fermosas historias que recollemos dos nosos vellos: cantigas, remedios contra as doenzas e mal de ollo, contos de lobos, nubeiros, ánimas e santas compañas, demos, mouros, encantos, e ata tesouros enterrados (organizadas por categorías). Poderedes acceder a todas elas, consultar imaxes, deixarnos comentarios e, por suposto, mesmo enviarnos as historias que vós mesmos recollades para sumar a este caderno. Que vos gusten!

miguelabraira@edu.xunta.es

Atopa!


Coñécenos en "Quen somos"