Vellos con Historia

Caderno de historias de tradición oral recollidas na comarca de Meira (Lugo)

En Fonmiñá, había un veciño que dirixíase a todos os homes dicíndolles “meu neno”. Era un señor ó cal lle gustaban moito as bromas, pero en cambio non lle gustaba nada que llas fixeran a el. Certo día, no que xa comezaba a escurecer, uns veciños do pobo, algo pícaros, foron a xunto deste señor e dixéronlle: “Señor Manuel, veña con nós axudarnos a tirarlle o carro no río a Fuentes”. O Manuel, que se levaba moi mal cos da casa do tal Fuentes, respondeulles: “Ai meus nenos, ¡ñoo!, vamos aló”. Foron, arrepuxa que arrepuxa ata que conseguiron tirar o carro ó río, sen darse conta o coitado do Manuel, de que aquel que acababa de meter na auga era o seu propio carro. Á mañá seguinte, cando se ergueu o fillo, xunguiu as vacas para poñerlles o carro, pero claro, non o encontrou. Foi chamar a seu pai e díxolle: “Ai papá, ¿e onde deixache onte o carro?” E este, todo cheo de razón, contestoulle: “Na choza”. E o fillo, que viña da choza, comentoulle que alí non estaba. Entón, foi no momento que o señor se decatou do que fixera e díxolle ó fillo: “ Ai meu neno, hai que ir buscar o carro ao río que axudei eu onte a tiralo”.
JFF (O Tombo, Fonmiñá, A Pastoriza)

0 comentarios:

Publicar un comentario

Valoramos todo o que nos poidas aportar: comentarios, críticas, novos contos (lembra dicirnos onde se contan!), fotografías vellas, e por suposto tamén ánimos...


Benvidos!

No curso 2008-2009, profesor e alumnos de Ciencias Sociais de 4º da ESO, do IES Pedregal de Irimia (Meira, Lugo) elaboramos un traballo de investigación que rematou neste blog. Con el, quixemos compartir con vós as moitas e fermosas historias que recollemos dos nosos vellos: cantigas, remedios contra as doenzas e mal de ollo, contos de lobos, nubeiros, ánimas e santas compañas, demos, mouros, encantos, e ata tesouros enterrados (organizadas por categorías). Poderedes acceder a todas elas, consultar imaxes, deixarnos comentarios e, por suposto, mesmo enviarnos as historias que vós mesmos recollades para sumar a este caderno. Que vos gusten!

miguelabraira@edu.xunta.es

Atopa!


Coñécenos en "Quen somos"