Vellos con Historia

Caderno de historias de tradición oral recollidas na comarca de Meira (Lugo)

Conta un veciño que, unha noite, a súa mai foi coller un feixe de verzas preto dun muro na Fonte do Zarro. De súpeto, sentiu un calafrío que percorreu o seu Corpo de arriba abaixo e, ao erguer a cabeza, viu un lobo saltando o muro. A muller botou a correr para a casa e, dende aquello, nunca máis volveu a saír soa ó resío da noite.
Noutra ocasión, un home que tiña as vacas pacendo no monte, en chegando ao prado viu as súas catro vacas rodeadas por tres lobos. Ao tratar de defendelas, as vacas fuxiron, e ao final foi el mesmo quen quedou rodeado de lobos. Asustado, o home correu a pedir auxilio e a petar nas penas coa vara da que dispoñía, ata que un veciño que oíu os berros saíu ao seu encontro, e o levou para casa, sen fala, e sen vacas.
Quizá polo conto anterior, din que cando os cazadores mataban ós lobos, collíanos e atábanos a unha vara para pasealo polo pobo, xa que a xente recompensábaos con ovos, patacas, e outras cousas, debido a que ditos animais, en numerosas ocasións, acababan coa vida do gando.
Hai quen di, ademais, que cando un vía ao lobo antes de que te vira el a ti, perdías a fala, aínda que pasados uns días recuperábala. En cambio, se te vía o lobo antes de que ti o viras, non a perdías.
MES (Vilasuxo, Meira)

0 comentarios:

Publicar un comentario

Valoramos todo o que nos poidas aportar: comentarios, críticas, novos contos (lembra dicirnos onde se contan!), fotografías vellas, e por suposto tamén ánimos...


Benvidos!

No curso 2008-2009, profesor e alumnos de Ciencias Sociais de 4º da ESO, do IES Pedregal de Irimia (Meira, Lugo) elaboramos un traballo de investigación que rematou neste blog. Con el, quixemos compartir con vós as moitas e fermosas historias que recollemos dos nosos vellos: cantigas, remedios contra as doenzas e mal de ollo, contos de lobos, nubeiros, ánimas e santas compañas, demos, mouros, encantos, e ata tesouros enterrados (organizadas por categorías). Poderedes acceder a todas elas, consultar imaxes, deixarnos comentarios e, por suposto, mesmo enviarnos as historias que vós mesmos recollades para sumar a este caderno. Que vos gusten!

miguelabraira@edu.xunta.es

Atopa!


Coñécenos en "Quen somos"