Vellos con Historia

Caderno de historias de tradición oral recollidas na comarca de Meira (Lugo)

Nun pobo de Luaces vivía unha familia adiñeirada, xa que eran nobres. Vivían nunha fortaleza. O señor desa casa tiña cinco fillos e unha filla moi fermosa. Pero un día chegaron os mouros e encerraron a toda a familia, menos ós cinco fillos do amo, que estaban axudando ó rei Don Pelayo nunha batalla contra os árabes. Os cinco mozos souberon do que estaba a acontecer e, unha noite que os mouros estaban de troula no castelo, a filla do amo deixou aberta unha das portas e os mozos entraron por ela, matando a todos os mouros que encontraron; pero o xefe deles conseguiu escapar. Os fillos buscárono e atopárono escondido nun palleiro entre centeo. Os mozos collérono, pero compadecéronse del e non o mataron. Os cinco fillos contáronlle o rei o acontecido desta forma: “Pillamos ao mouro de noite, cando a lúa está aló no alto, escondido entre as faces de centeo”. O rei ordenou que, dende aquela, o nome da adiñeirada familia sería Luaces, e o mouro chamaríase Pillado. Despois dun tempo, o mouro casou coa filla do señor e tiveron moita descendencia. Hoxe en día, esa fortaleza non existe pero en Luaces hai un castro no que se encontraron cousas duns mouros, que puideran ser os da fortaleza.
MPV (Hermunde, Pol)

0 comentarios:

Publicar un comentario

Valoramos todo o que nos poidas aportar: comentarios, críticas, novos contos (lembra dicirnos onde se contan!), fotografías vellas, e por suposto tamén ánimos...


Benvidos!

No curso 2008-2009, profesor e alumnos de Ciencias Sociais de 4º da ESO, do IES Pedregal de Irimia (Meira, Lugo) elaboramos un traballo de investigación que rematou neste blog. Con el, quixemos compartir con vós as moitas e fermosas historias que recollemos dos nosos vellos: cantigas, remedios contra as doenzas e mal de ollo, contos de lobos, nubeiros, ánimas e santas compañas, demos, mouros, encantos, e ata tesouros enterrados (organizadas por categorías). Poderedes acceder a todas elas, consultar imaxes, deixarnos comentarios e, por suposto, mesmo enviarnos as historias que vós mesmos recollades para sumar a este caderno. Que vos gusten!

miguelabraira@edu.xunta.es

Atopa!


Coñécenos en "Quen somos"