Vellos con Historia

Caderno de historias de tradición oral recollidas na comarca de Meira (Lugo)

Era un matrimonio que, coma case en todas as casas, cebaran un porco e matárano. O home díxolle á muller: “Este touciño é para maio largo”. E a muller aceptou. E nesto que andaban uns pobres pedindo, e foron pedir á casa do dito matrimonio. E entón a pobre señora díxolle: “¿É vostede maio largo?”. E o pobre contestoulle: “¡Son!”. Entón a muller, toda ilusionada, díxolle: “Pois teño aquí un touciño para darlle”. E outro levou o touciño. Pasadas unhas horas, chegou Xan, o esposo, e a muller contoulle que lle dera o touciño a maio largo. Entón o señor, todo alarmado, dixo: “¡Ai, foille dar o touciño, condenada! ¡Vaite por un lado e eu polo outro, a ver si encontramos ó home!”. E aló foron. E pasados uns minutos de busca, preguntoulle a muller ó home: “Xan, ¿e como puido deixar unha bosta tan arriba, naquela árbore?”. E claro, quen deixara a bosta non fora ningunha vaca, que daquela cagaban a carón das árbores, senón que fora o condenado do pobre, que xa comera o touciño.
JFF (O Tombo, Fonmiñá, A Pastoriza)

0 comentarios:

Publicar un comentario

Valoramos todo o que nos poidas aportar: comentarios, críticas, novos contos (lembra dicirnos onde se contan!), fotografías vellas, e por suposto tamén ánimos...


Benvidos!

No curso 2008-2009, profesor e alumnos de Ciencias Sociais de 4º da ESO, do IES Pedregal de Irimia (Meira, Lugo) elaboramos un traballo de investigación que rematou neste blog. Con el, quixemos compartir con vós as moitas e fermosas historias que recollemos dos nosos vellos: cantigas, remedios contra as doenzas e mal de ollo, contos de lobos, nubeiros, ánimas e santas compañas, demos, mouros, encantos, e ata tesouros enterrados (organizadas por categorías). Poderedes acceder a todas elas, consultar imaxes, deixarnos comentarios e, por suposto, mesmo enviarnos as historias que vós mesmos recollades para sumar a este caderno. Que vos gusten!

miguelabraira@edu.xunta.es

Atopa!


Coñécenos en "Quen somos"