Vellos con Historia

Caderno de historias de tradición oral recollidas na comarca de Meira (Lugo)

Se a vaca non quedaba cuberta (preñada) sangrábanse, que consistía en pegarlles un corte de pouca profundidade no pescozo para que perderan un pouco de sangue e se deixaran cubrir.
IAV (Miñoto, A Pastoriza)

Cando unha vaca pare, é conveniente darlle viño para axudala a librarse da placenta.
PDA (O Chao do Pousadoiro, Ribeira de Piquín)

Para que as vacas desquitaran ben, había que quentarlles viño con ovos e azucre e darllo de beber.
AGR (Vilariño, Muimenta, Castro de Rei)

Despois do paridas, as vacas non se utilizaban para o traballo durante 3 ou 4 días, e xusto atrás do parto, para que quedaran ben limpas, dábaselles viño quente con azúcre.
JFF (Hermunde, Pol)

Despois de parir, as vacas intentan facer moita forza para expulsar a placenta. Cando tardaban moito en botala fóra, para que non sufriran, dábaselles catro ou cinco litros de viño para que se emborracharan e non sentisen dor. Outro cousa que lles axudaba a expulsar a placenta, era que bebesen o seu propio leite. Outros contan que para que se desquitasen ben, había que roubar unha verza do veciño e darlla a comer á vaca recen parida.
MPV (Hermunde, Pol)

Para que expulsen mellor a placenta tras o parto, din que hai que emborrachalas con viño e azucre, e darlles unha verza roubada no horto do veciño.
YLA (A Muíña, Retizós, Baleira)

Para desquitar ás vacas despois do parto, dábasenlle hedras e verzas que había que ir roubar á horta do veciño. Tamén se lles daba dous litros de viño con azucre.
ARP (Meira)

Cando parían, dábaselles á présa dous litros de viño con medio quilo de azucre, para quecer e desquitarse así máis axiña, e quedar máis a gusto.
IPP (Martín, Baleira)

Cando unha vaca paría e tiña moitos empuxes, dábaselle unha libra de chocolate con dous ou máis litros de viño.
TBG (Pousada, A Pastoriza)

Se a un xato lle sentaba mal o leite ao pouco de nacer, había que darlle auga en abundancia para que bebera.
ELF (Meira)

0 comentarios:

Publicar un comentario

Valoramos todo o que nos poidas aportar: comentarios, críticas, novos contos (lembra dicirnos onde se contan!), fotografías vellas, e por suposto tamén ánimos...


Benvidos!

No curso 2008-2009, profesor e alumnos de Ciencias Sociais de 4º da ESO, do IES Pedregal de Irimia (Meira, Lugo) elaboramos un traballo de investigación que rematou neste blog. Con el, quixemos compartir con vós as moitas e fermosas historias que recollemos dos nosos vellos: cantigas, remedios contra as doenzas e mal de ollo, contos de lobos, nubeiros, ánimas e santas compañas, demos, mouros, encantos, e ata tesouros enterrados (organizadas por categorías). Poderedes acceder a todas elas, consultar imaxes, deixarnos comentarios e, por suposto, mesmo enviarnos as historias que vós mesmos recollades para sumar a este caderno. Que vos gusten!

miguelabraira@edu.xunta.es

Atopa!


Coñécenos en "Quen somos"