Era un home que viña de ver unha moza e pasou por Requián e encontrouse con catro fulanos e unha caixa, que non sei se era a Santa Compaña, e cangáronselle no camiño e non lle deixaban pasar, e fixéronlle ir polas veigas de Requián e mollar os pés. E cando se cansaron de meterse con el, mandáronlle levantar a caixa; pero el non quixo. Entón, saíu un home de dentro da caixa e díxolle: “¡Tente Antón, que non che caia o calzón!” e déronse en rir, e marcharon e deixárono solo. Isto dicíase que foi verdade.
IGL (A Pastoriza)
2 comentarios:
Fai algúns anos, nas aldeas, nas noites de inverno era costume ir de "polavila" ¡ah! ¿Que non sabeis o que é iso? Pois eu volo conto agora mesmo: Nas noites de inverno, como non había televisión nin radio e moito menos ordenador, os veciños xuntabanse nun casa a pasar o tempo; xogaban a baralla, fiaban, calcetaban, bebían unha cunca de viño quente con sucre, pero sobre todo, contaban contos. Os contos, case sempre eran de medo e o peor era que despois había que volver cada un para a sua casa, por camiños, congostras, montes...As veces faciase unha "facha" de palla para alumear o camiño. Ben, unha noite de inverno, dous mozos do pobo pasaron varias horas escoitando alguns contos, sobre todo de medo; chegou a hora de volver para a casa de cada un e estes dous mozos fixeron o recorrido xuntos, era unha noite de forte vento; antes de chegar a casa de un deles decidiron parar detrás de unha parede a fumar o derradeiro cigarro da noite, e dixo un -Eu non creo nos contos dos mortos, ¿Tú crees que ai que terlles medo?- ¡Non oh! -dixo o outro-. Nese mesmo momento, co forte vento que facia, debeu caer unha pedra da parede e pasou rodando polo monte facendo un ruido de moito demo; os mozos non dixeron palabra, levantaronse e puxeronse a camiñar hata a casa donde vivía un deles, -hata mañá- dixo, hata mañá, respostou o outro. ó día siguinte, encontraronse os dous mozos e dixo un: ¡Oiches Manolo, ós mortos non ai que terlles medo! E riron os dous. (Xudán, A Pontenova)
Enorme conto!
Co teu permiso e unhas pequenas correccións, incorporámolo ao blog con entrada propia, nesta mesma categoría de Ánimas e mortos.
Publicar un comentario
Valoramos todo o que nos poidas aportar: comentarios, críticas, novos contos (lembra dicirnos onde se contan!), fotografías vellas, e por suposto tamén ánimos...