Vellos con Historia

Caderno de historias de tradición oral recollidas na comarca de Meira (Lugo)

Unha noite, un veciño meu que ía ao prado buscar unha egua, viu ir polo aire unha luz alongada, con sete coroas como sete cabezas. Era tan luminosa que ata se espantou o animal. Ao chegar a casa, súa mai explicoulle que eran “fachas”, e que saían dos lugares nos que a xente se bautizara para anunciar a morte dunha persoa, o que acontecía dous días despois.
Doutra vez, uns veciños que ían de rúa, viron no cemiterio tres luces, e pareceulles que oíran voces. Todos pillaron moito medo pero, así e todo, un deles quixo facerse o valente e foi ver o que pasaba. Cando regresou onda os outros, viña todo asustado. Preguntáronlle qué vira, pero el soamente contestou: “Non volo podo dicir. Xa o saberedes dentro de dous días”. E pasado ese tempo, morreu.
Meu avó contoume que cando vían no ceo estas “fachas”, formando grandes bolas de luz, chamábanlles “fuegos fatuos”.
MAD (Pousada, A Pastoriza)

0 comentarios:

Publicar un comentario

Valoramos todo o que nos poidas aportar: comentarios, críticas, novos contos (lembra dicirnos onde se contan!), fotografías vellas, e por suposto tamén ánimos...


Benvidos!

No curso 2008-2009, profesor e alumnos de Ciencias Sociais de 4º da ESO, do IES Pedregal de Irimia (Meira, Lugo) elaboramos un traballo de investigación que rematou neste blog. Con el, quixemos compartir con vós as moitas e fermosas historias que recollemos dos nosos vellos: cantigas, remedios contra as doenzas e mal de ollo, contos de lobos, nubeiros, ánimas e santas compañas, demos, mouros, encantos, e ata tesouros enterrados (organizadas por categorías). Poderedes acceder a todas elas, consultar imaxes, deixarnos comentarios e, por suposto, mesmo enviarnos as historias que vós mesmos recollades para sumar a este caderno. Que vos gusten!

miguelabraira@edu.xunta.es

Atopa!


Coñécenos en "Quen somos"