Vellos con Historia

Caderno de historias de tradición oral recollidas na comarca de Meira (Lugo)

Sobre a orixe do Pedregal, hai unha lenda que fala dunha meiga que chamaban Irimia. Esta meiga levábase mal cos monxes do Mosteiro e un día, cando estes se presentaron para cobrarlle os impostos, a muller, non tendo con que pagarlles, colleu unhas pedras que tiña no mandil e comezou a tirárllelas para botalos fóra das súas terras. Para resarcise, os monxes resolveron quedar coas terras de Irimia, que eran moi ricas en fontes, e moi útiles por tanto para que pacera o gando. Pero a muller, ao verse desposuída do seu, botou un meigallo e cubriu as fontes con enormes pedras para que deste xeito non puideran aproveitar a auga das súas terras. E din que así é como se formou o Pedregal.
Contan tamén que había un grupo de rapaces que molestaban a unha meiga que vivía no Pedregal. Un día, os rapaces achegáronse a casa da muller e empezaron a berrarlle e a tirarlle pedras. A meiga, enfurecida, converteu a todos os rapaces en pedras enormes, dando así lugar a esa paraxe.
Outros din que debaixo das pedras do Pedregal hai un río subterráneo, e que por iso existe nun determinado percorrido un elevado número de fontes, ata Fonmiñá, que é a onde vai dar toda esa auga.
MES (Vilasuxo, Meira)

0 comentarios:

Publicar un comentario

Valoramos todo o que nos poidas aportar: comentarios, críticas, novos contos (lembra dicirnos onde se contan!), fotografías vellas, e por suposto tamén ánimos...


Benvidos!

No curso 2008-2009, profesor e alumnos de Ciencias Sociais de 4º da ESO, do IES Pedregal de Irimia (Meira, Lugo) elaboramos un traballo de investigación que rematou neste blog. Con el, quixemos compartir con vós as moitas e fermosas historias que recollemos dos nosos vellos: cantigas, remedios contra as doenzas e mal de ollo, contos de lobos, nubeiros, ánimas e santas compañas, demos, mouros, encantos, e ata tesouros enterrados (organizadas por categorías). Poderedes acceder a todas elas, consultar imaxes, deixarnos comentarios e, por suposto, mesmo enviarnos as historias que vós mesmos recollades para sumar a este caderno. Que vos gusten!

miguelabraira@edu.xunta.es

Atopa!


Coñécenos en "Quen somos"