Había unha vez un matrimonio coas súas vaquiñas e os seus cochiños e o día que levantaban a carne, o home colleu o touciño co xamón e todo e díxolle á muller:
-Toma, sube isto ao faio que é para maio largo.
Pero coincidiu que pasaba por alí un home, e oiuno. Esperou a que marchase Xan e cando estaba a muller sola na casa petou á porta.
-Quén é?
-Son Maio Largo e veño polo touciño ese.
Entón baixa a muller o touciño e dállo a aquel descoñecido.
Cando chegou Xan de novo á casa, botan os dous a buscalo ladrón. E chegaron a un sitio onde había unha árbore enxertada, e antes cando se facía un enxerto botábaselle buleira de vaca, entón dille Marica a Xan:
-Oe Xan, oe Xan, e que vaca sería a que cagou tan alto?
Seguiron andando e cando chegaron a unha costa lisa a Marica deulle gana de mexar, e como ía muito diante Xan, berroulle:
-Oe Xan, mira, un, dous, tres, catro, cinco, seis... sete carreiros!
Pero debaixo parece que debía haber unha cova de ladróns que, ao oír berrar á muller, botáronse a correr a fóra “a cien”, e escaparon. Entón Xan atopou a cova e viu que tiñan alí moito ouro. Volveron os dous para a casa, prepararon o carro e un pote de papas, e encamiñáronse de novo ao furado. Marica diante chamando ás vacas, e Xan e o pote e a garfela detrás no carro. Entón cada pouco Xan dáballe unha garfelada de papas a Marica, quen dicía:
-Oe Xan, oe Xan! E choven papas quentes!
Ao chegar á cova, cargaron todo o ouro que puideron e volveron para a casa. Despois daquelo cambioulle o panorama a Xan porque se viu moi rico. Entón, a xustiza foi investigar a ver de onde lle viñeran tanta riqueza. Ao día seguinte foron declarar e Xan dixo o que lle conviña para librarse, pero Marica contoulles ós xuíces que tantos cartos eran dun día que foran polo tesouro nun carro, un día que chovían papas quentes. Con iso o xuíz xa non creu nada.
ARP (Meira)
sep
05
0 comentarios:
Publicar un comentario
Valoramos todo o que nos poidas aportar: comentarios, críticas, novos contos (lembra dicirnos onde se contan!), fotografías vellas, e por suposto tamén ánimos...