Vellos con Historia

Caderno de historias de tradición oral recollidas na comarca de Meira (Lugo)

O pouso que nos quedou do traballo. Valoracións persoais, tomadas dos textos de clase dos propios alumnos (co voso permiso). Como vedes, hai para todos.

“En primeiro lugar, debo recoñecer que eu nunca estiven de acordo con esta iniciativa, parecíame moi complexa para uns alumnos de 4º da ESO (…), en fin non lle atopaba sentido (…). Tras uns días pensando decidín comezar por preguntar, coma quen non quere a cousa, a meus avós, a ver se sabía algo. Ó principio dicían que non se lembraban de nada e eu xa dixen `tal como eu dicía´. Pero pasados uns días vin que volvían a min para contarme cousas sobre as cales eu lles preguntara en días anteriores, entón comencei a sentir curiosidade (…).Pero non só eu estaba entusiasmada, se non que eles mesmos, as persoas cas que falei, o estaban (…). Polo tanto a miña valoración persoal cambiou (…) de pensar que todo esto non valería para nada ata chegar a pensar que esto que hoxe estamos facendo nós, deberíase de haber feito moito antes (…). Dentro duns anos ó mellor volvo facelo (…). Espero que todos tiveran o placer de botar unhas carcaxadas como eu botei sentada no banco mirando para as persoas que se poñían un pouco máis felices ó ver que nós, a xente nova, disfrutaba coas súas historias. O único que digo é que hai que ter moita PACIENCIA!”. (Grazas, I.)

“Pareceume un traballo moi interesante, xa que coñecín moitas cousas das que nunca oíra falar”.

“A moitos alegrouselles a cara ó poder contar cousas do seu tempo e sobre todo poder ensinarlle a xente nova contos que ó mellor levan escondidos anos e anos”.

“Non pensaron que me ía parar á miña idade unha tarde a sentarme alí con eles e preguntarlle estas historias que case tiñan olvidado”.

“Facer este traballo deume a oportunidade de escoitar historias incribles que se contaban antigamente, e que, probablemente, se non fora por este traballo nunca escoitaría (…). Dinme de conta de que as persoas maiores saben moito, incluso máis do que eu pensaba”.

“Pasei un bo rato recollendo estas historias”.

“Nos fixo descubrir contos que nunca escoitaramos, imaxinar algo a vida de antes, parar a escoitar a xente maior, e ver que se atopa feliz e cómoda contándochos (…), a pesar de que ó primeiro me parecía que non me ía gustar para nada, pero a verdade mereceu a pena”.

“Ó tempo que meus avós me relataron contos e historias, resultoume divertido e ameno (…). Ademais de que eles, ao contarnos esas historias, senten que o seu saber é moi importante”.

“Houbo moitos aspectos que me sorprenderon e que non sabía, e sobre todo respirábase a súa felicidade ao ser escoitados (…), posto que lles gusta que nós, a xuventude, nos interesemos por eles”.

“Particularmente facer este traballo costoume (…), pero en cambio despois de entrevistar á primeira señora, quedáronme ganas de seguir entrevistando a máis veciñas, xa que as historias que me contaban, divertíanme e intrígame seguir sabendo novas historias (...). Pasamos tardes cos nosos veciños, que seguramente case nunca o fixéramos, iso de estar unha tarde falando coas persoas maiores”.

“O que me sorprendeu foi que meu avó L… soubera tantos remedios caseiros contra as enfermidades”.

“Nunca me parara a pensar na vida que tivo a xente que vivían antes ca nós (…). Apréndense moitas cousas, xa que eu por exemplo non sabía ningún remedio para curar os animales nin para as tormentas. Con esto demostramos que a xente maior era moi intelixente”.

“Supuxo un reto para min (…). Atopeime con información que non esperaba escoitar (…). A súa sorprendente facilidade de palabra malia os anos, a entoación e a maneira de dicilo en xeral, fan que te sumerxas de tal maneira na historia que eu nalgunhas non puiden reter a gargallada e noutras non conseguín evitar que un arrepío me atravesara o corpo (…). Este traballo me serviu para aprender cousas que doutra maneira nunca me pararía a escoitar e que espero poder ensinar algún día a alguén”.

Grazas polo voso traballo!

0 comentarios:

Publicar un comentario

Valoramos todo o que nos poidas aportar: comentarios, críticas, novos contos (lembra dicirnos onde se contan!), fotografías vellas, e por suposto tamén ánimos...


Benvidos!

No curso 2008-2009, profesor e alumnos de Ciencias Sociais de 4º da ESO, do IES Pedregal de Irimia (Meira, Lugo) elaboramos un traballo de investigación que rematou neste blog. Con el, quixemos compartir con vós as moitas e fermosas historias que recollemos dos nosos vellos: cantigas, remedios contra as doenzas e mal de ollo, contos de lobos, nubeiros, ánimas e santas compañas, demos, mouros, encantos, e ata tesouros enterrados (organizadas por categorías). Poderedes acceder a todas elas, consultar imaxes, deixarnos comentarios e, por suposto, mesmo enviarnos as historias que vós mesmos recollades para sumar a este caderno. Que vos gusten!

miguelabraira@edu.xunta.es

Atopa!


Coñécenos en "Quen somos"