Vellos con Historia

Caderno de historias de tradición oral recollidas na comarca de Meira (Lugo)

Sempre hai un modo de facer as cousas. O método tiña que atender aos seguintes puntos:

As persoas. Ante todo, debíase ter presente que non traballábamos con cousas e nin tan sequera con historias, senón con persoas. Persoas de idade avanzada. Por iso, se son eles os que nos van a atender e aportar o coñecemento que buscamos, o mínimo que debíamos ofrecer a cambio era respecto. Respecto, paciencia e mente aberta ao que eles quixeran contar, e tamén ao cando, ao como e ao onde o quixeran facer. Debían saber qué estábamos facendo (un traballo para clase), e qué queríamos exactamente (recoller a maior cantidade posible de contos, con criterios de calidade). Debían recollerse algúns datos dos entrevistados (nome, idade, parentesco co alumno), sempre que estes accederan a elo.

O espazo. Cada alumno, individualmente, encargaríase de abordar o traballo na súa aldea ou lugar de orixe, entrevistando aos seus avós e a tantas persoas maiores como lles fose posible. A proximidade da familia ou a veciñanza daría a confianza necesaria para que as conversas puideran darse de xeito libre e fluído. A un nivel máis concreto, aconsellábase abordar as conversas en lugares tranquilos, sen ruídos nin interrupcións, e o máis naturais posibles. Tendo en conta o significado que nesta zona teñen, aconsellábanse as cociñas das casas, con lume baixo unha prancha de ferro e un banco corrido por tras. Debía tomarse nota, con cada relato recollido, do lugar concreto no que foron tomados (nome do lugar, parroquia e concello).

O tempo. Sempre citados e informados previamente, debía aproveitarse cada encontro cos protagonistas ao máximo, pero sempre dándolles marxes de tempo e liberdade suficientes para que puidesen contar o que saben pero ás veces xa non lembran ben. Déronse uns 40 días de prazo máximo para levar a cabo a investigación.

O modo. Só queriamos escoitalos, sen dirixir en modo algún as conversas. Por iso, aínda que ás veces falemos de “entrevistas”, hai que aclarar que non empregamos cuestionario algún. As conversas debían ser libres, sen atadura algunha e gozadas por ambas partes. Contadas e escoitadas con ganas. Deixamos á elección de cada quen o recurso a utilizar para recoller o produto das entrevistas, aínda que se recomendou (por ser máis cómodo e asegurar unha maior fidelidade) o segundo:
*Tomar nota nun caderno.
*Gravar, co seu consentimento, o son das conversas.
*Gravar, co seu consentimento, o son e a imaxe.

Os temas. Unha vez recollidos, os relatos debían entregarse nun traballo mecanografado, no que aparecesen debidamente clasificados por temas. A partir deses temas, creáronse posteriormente as “Categorías” que poden verse no blog. A investigación (descrición do lugar, persoas entrevistadas, método, resultados) debía ir acompañada dunha valoración persoal do traballo, no que figurasen dificultades, sorpresas, e, sobre todo, unha opinión: o pouso que a cada un lle deixara todo o traballo levado a cabo (ver no blog “Valoracións”).

0 comentarios:

Publicar un comentario

Valoramos todo o que nos poidas aportar: comentarios, críticas, novos contos (lembra dicirnos onde se contan!), fotografías vellas, e por suposto tamén ánimos...


Benvidos!

No curso 2008-2009, profesor e alumnos de Ciencias Sociais de 4º da ESO, do IES Pedregal de Irimia (Meira, Lugo) elaboramos un traballo de investigación que rematou neste blog. Con el, quixemos compartir con vós as moitas e fermosas historias que recollemos dos nosos vellos: cantigas, remedios contra as doenzas e mal de ollo, contos de lobos, nubeiros, ánimas e santas compañas, demos, mouros, encantos, e ata tesouros enterrados (organizadas por categorías). Poderedes acceder a todas elas, consultar imaxes, deixarnos comentarios e, por suposto, mesmo enviarnos as historias que vós mesmos recollades para sumar a este caderno. Que vos gusten!

miguelabraira@edu.xunta.es

Atopa!


Coñécenos en "Quen somos"