Vellos con Historia

Caderno de historias de tradición oral recollidas na comarca de Meira (Lugo)

A señora Eulalia facía meas (novelos) de liño. Un día, díxolle ao seu fillo que fose vender as meas á feira porque xa era o suficientemente maduro como para ir el so. Pero antes de que saíse cara a feira, a señora Eulalia advertiu ao seu fillo: “Ai meu neno, anda con moito tino e ao que che fale moito non lle vendas”. O pequeno aseguroulle que así o faría, e saíu para a feira. De alí a pouco tempo chegou un comerciante que estaba moi interesado en comprarlle todas as meas de liño e faloulle así:
-Bos días, ¿canto pides polas meas, rapaz?
Este contestoulle moi convencido:
-A vostede non llas vendo que me fala moito.
O comerciante marchou, pero esa foi a única oportunidade de venda que tivo o rapaz, pois ninguén mais lle dixo nada, e finalmente volveu coas meas de novo. No camiño para chegar á casa, había unha capela que tiña unha pequena xanela. O rapaz, moi interesado no que alí había, asomou a cabeza e viu un santo no altar. O santo parecía sorrirlle ao rapaz, e este pensou que era un bo comprador para as meas. Entón deixou a cesta coas meas de liño arrimadas á xanela e foise moi contento para a casa. Pronto chegou e contoulle todo á señora Eulalia, e esta díxolle:
-¡Ai pillo! ¿Que fixeches? ¡Volve polas meas enseguida!
O pequeno, todo apesarado, volveu á capela polas meas de liño, pero xa non estaban. Entón o rapaciño, furioso, colleu unha vara e entrou na capela, e comezou a golpear ao santo con semellantes golpes, que caeu ao chan a caixa das ánimas, na que os fieis depositaban as esmolas. Ao caer a caixa, os cartos tamén caeron, e quedaron esparexidos polo chan. E o rapaz, vendo aquilo, e moi contento polo pago das meas, díxolle ao Santo:
-¡Cágaos carallo, Cágaos que ter telos!
MPV (Hermunde, Pol)

0 comentarios:

Publicar un comentario

Valoramos todo o que nos poidas aportar: comentarios, críticas, novos contos (lembra dicirnos onde se contan!), fotografías vellas, e por suposto tamén ánimos...


Benvidos!

No curso 2008-2009, profesor e alumnos de Ciencias Sociais de 4º da ESO, do IES Pedregal de Irimia (Meira, Lugo) elaboramos un traballo de investigación que rematou neste blog. Con el, quixemos compartir con vós as moitas e fermosas historias que recollemos dos nosos vellos: cantigas, remedios contra as doenzas e mal de ollo, contos de lobos, nubeiros, ánimas e santas compañas, demos, mouros, encantos, e ata tesouros enterrados (organizadas por categorías). Poderedes acceder a todas elas, consultar imaxes, deixarnos comentarios e, por suposto, mesmo enviarnos as historias que vós mesmos recollades para sumar a este caderno. Que vos gusten!

miguelabraira@edu.xunta.es

Atopa!


Coñécenos en "Quen somos"