Vellos con Historia

Caderno de historias de tradición oral recollidas na comarca de Meira (Lugo)

En Miñoto, na parroquia de Crecente, exactamente no Tamaredo, que antes era un cruce de camiños e agora está a prado, había un cruceiro cun cristo tallado. Unha noite, tres homes viñan por alí de troula, e un deles, algo bébedo, empezou a tirarlle pedras ata que o partiu en cachos. Aos poucos meses, ese mesmo home morreu de cancro.
Noutra ocasión, tres homes que regresaban de traballar, ao dar en chover, decidiron resgardarse nunha igrexa e, unha vez alí, empezaron a beber do viño que o cura tiña na sancristía. Cando se fartaron, estragárono todo: un deles quitoulle as maos a un santo, outro os ollos, e o terceiro as orellas. De alí a uns anos, sóubose que un quedara manco, outro cego e o outro xordo.
IAV (Miñoto, A Pastoriza)

0 comentarios:

Publicar un comentario

Valoramos todo o que nos poidas aportar: comentarios, críticas, novos contos (lembra dicirnos onde se contan!), fotografías vellas, e por suposto tamén ánimos...


Benvidos!

No curso 2008-2009, profesor e alumnos de Ciencias Sociais de 4º da ESO, do IES Pedregal de Irimia (Meira, Lugo) elaboramos un traballo de investigación que rematou neste blog. Con el, quixemos compartir con vós as moitas e fermosas historias que recollemos dos nosos vellos: cantigas, remedios contra as doenzas e mal de ollo, contos de lobos, nubeiros, ánimas e santas compañas, demos, mouros, encantos, e ata tesouros enterrados (organizadas por categorías). Poderedes acceder a todas elas, consultar imaxes, deixarnos comentarios e, por suposto, mesmo enviarnos as historias que vós mesmos recollades para sumar a este caderno. Que vos gusten!

miguelabraira@edu.xunta.es

Atopa!


Coñécenos en "Quen somos"