Vellos con Historia

Caderno de historias de tradición oral recollidas na comarca de Meira (Lugo)

Durante a época do cuco (abril e maio), almorzábase moi cedo, pois dicíase que se oías ao cuco sen comer nada capábate, o que significaba que terías mala sorte durante o que resto do ano. E iso era todos os anos, porque “entre maio e abril, sae o cuco do cubil, e se non sae antes do 15 de abril, ou é que está morto ou non quere vir”
IAV (O Chao, Ribeira de Piquín)
Noutros lugares son máis contundentes, pois rematan o mesmo dito con: “…ou a fin quere vir”.
MA (Xudán, A Pontenova)

Ao boi turrón, nunca lle faltarán cornadas.
Non compres cabalo coxo/pensando en que vai sanar./O que está coxo non sana,/e o que non o está pode coxear.
MES (Vilasuxo, Meira)

De burro para baixo non hai máis rin besta.
Burro grande ande no ande.
Jaula hecha, pájaro muerto.
Tres anos de tus-tus, tres anos coma un can e tres anos de laiar, esta é a vida dun can.
JFF (Hermunde, Pol)

O cabalo e a muller, ó ollo se han de ter.
A cada porquiño lle chega o seu San Martiño.
O boi solto ben se lambe.
YLA (A Muíña, Retizós, Baleira)

Para que os sapos non estragaran as colleitas, dicíase “Sapos e sapas, todos á Panda”, que era un monte moi alto, e dábanse tres voltas arredor da igrexa.
IAV (Miñoto, A Pastoriza)

Curas e frades, gatos e arnales, líbreme Deus destes catro animales.
¿Viche o gato no unto? Chápote punto! (Era un dito que se lles dicía aos mais pequenos da casa, non se sabe a súa orixe nin o seu significado.)
AGG (Currás, Bretoña, A Pastoriza)

Se dous cans rifan contra un lobo, cómeno todo.
TBG (Pousada, A Pastoriza)

0 comentarios:

Publicar un comentario

Valoramos todo o que nos poidas aportar: comentarios, críticas, novos contos (lembra dicirnos onde se contan!), fotografías vellas, e por suposto tamén ánimos...


Benvidos!

No curso 2008-2009, profesor e alumnos de Ciencias Sociais de 4º da ESO, do IES Pedregal de Irimia (Meira, Lugo) elaboramos un traballo de investigación que rematou neste blog. Con el, quixemos compartir con vós as moitas e fermosas historias que recollemos dos nosos vellos: cantigas, remedios contra as doenzas e mal de ollo, contos de lobos, nubeiros, ánimas e santas compañas, demos, mouros, encantos, e ata tesouros enterrados (organizadas por categorías). Poderedes acceder a todas elas, consultar imaxes, deixarnos comentarios e, por suposto, mesmo enviarnos as historias que vós mesmos recollades para sumar a este caderno. Que vos gusten!

miguelabraira@edu.xunta.es

Atopa!


Coñécenos en "Quen somos"