Vellos con Historia

Caderno de historias de tradición oral recollidas na comarca de Meira (Lugo)

De neno rei (porque fas o que queres)
de mozo capitán (porque che parece que es o mellor)
de casado burro (porque tes que manter á muller e aos fillos)
e de vello can (porque non podes nada e xa estás todo o día deitado).
MAD (Pousada, A Pastoriza)

Aló arriba naquel petouto había un home mexando por outro, e eu que tal vin erguín e perna e mexei por min.
Aló arriba naquela montaña había unha vella rascando a regaña.
Unha vella non moi vella, da cabeza non moi branca, tirou un peido na cama e fíxolle voar as mantas.
Unha vella dixo a outra polo furado da porta: ti goberna a túa vida que a miña nada che importa.
O que lonxe vai casar, trampa leva ou vai buscar.
Se te has de casar, tes que andar.
Casamiento y mortaja, del cielo bajan.
IAV (O Chao do Pousadoiro, Ribeira de Piquín)

Cando as parras dean landras e os carballos dean uvas, han ser bos os homes de barbas rubias.
Non por moito madrugar amence antes.
A muller e a sardiña canto máis pequeniña máis sabrosiña.
Din que as mulleres altas son guapas e eu digo que grande é o demo e naide o quere.
Burro grande ande no ande.
Onde vexas corpo bota carga.
Ou nas uñas ou nos pés algo sempre has imitar a quen es.
Si nunca quieres estar sin dinero cásate con un ganadero, trampa hoy, trampa mañana nunca estarás sin dinero.
JFF (Hermunde, Pol)

A un vilán, danlle un pé e toma a man.
TBG (Pousada, A Pastoriza)

Cando as barbas do teu veciño vexas cortar, pon as túas a remollar.
O que non queiras para ti, non o desexes ao vecín.
Casamento e mortaxe, do ceo baixe.
PDA (O Chao do Pousadoiro, Ribeira de Piquín)

Quen a boa árbore se arrima, boa sombra o acolle.
Nin de nova nin de vella, nunca te sentes na pedra.
Non por moito madrugar amence máis cedo.
A quen madruga, Dios lle axuda.
O demo sabe máis por vello que por demo.
Detrás dun temporal, sempre veu a calma.
O que ri último ri mellor.
O que garda sempre ten.
Nunca digas “desta auga non beberei”.
A bragas enxoitas non se collen troitas.
Fíate do demo e non corras.
A vellez non ten cura, e a mocidade pouco dura.
Da muller e do mar, non convén fiar.
Na porta do rezador non poñas trigo ao sol, na do que non reza nada nin trigo nin cebada.
Antes de facer unha cousa unha vez, pensala primeiro, pensala tres.
O que sementa ventos, recolle tempestades.
Abade que foi monaguillo, ben sabe quén bebe o viño.
O hábito non fai ó monxe.
Fillo fuches, pai serás; mira o que fixeches e así o terás.
Dos escarmentados fanse os avisados.
Cría corvos e sacaranche os ollos.
Onde menos se pensa salta a lebre.
Dime con quen andas e direiche quen es.
Onde hai patrón non manda mariñeiro.
Ben está San Pedro en Roma.
Aínda non ensilamos e xa estamos cabalgando.
Amor, con amor se paga.
Amizade de xenro, sol en inverno.
O que vai á bodega, beba ou non beba, por vez se lle conta.
Amor de neno, auga en cesto.
O cabalo e a muller, ó ollo se han de ter.
Cada tolo co seu tema.
Na casa do ferreiro, coitelo de pau.
O deseo fai fermoso ó feo.
Mal de moitos, consuelo de poucos.
A ocasión fai ó ladrón.
Non hai mal que por ben non veña.
Zapateiro, aos teus zapatos.
O saber non ocupa lugar.
Uns teñen a fama e outros cardan a lá.
Sarna con gusto non pica.
Unha boa capa todo o tapa.
A cada porquiño lle chega o seu San Martiño.
Ó feito, peito.
A mal tempo, boa cara.
Auga pasada non move muíños.
Ó bo pagador non lle doen as prendas.
O boi solto ben se lambe.
O que non está afeito ás bragas, as costuras fanlle chagas.
Amor trompeteiro, cantas vexo cantas quero.
A avaricia rompe o saco.
Aínda que a mona se vista de seda, mona queda.
Amigo reconciliado, inimigo dobrado.
O casado casa quere.
Cousa encontrada non é roubada
A este crego fíxolle a boca un frade.
Cada ovella coa súa parella.
Entre todos a mataron, e ela soa morreu.
O gozo no pozo.
Falou o boi, e dixo mu.
Facer un furado para tapar outro.
Fágase o milagre, e fágao o demo.
Eramos poucos e pariu a avoa.
Entre irmáns non metas as mans.
Moitos poucos fan un moito.
Non é ouro todo o que reloce.
Quen cala outorga.
Quen mal anda, mal acaba.
YLA (A Muíña, Retizós, Baleira)

Nin de nova nin de vella te sentes na pedra (antigamente os vertedeiros eran de pedra e era de mala educación sentarse neles).
O tolo e o borracho din o que teñen no papo ou no saco (non minten).
AGG (Currás, Bretoña, A Pastoriza)

“Que veña, que seña e que teña” era un dito que se lles dicía as mozas cando ían medrando e non tiñan mozo ou non casaban. Ao primeiro estábase na idade do que veña, que seña e que teña. A medida que ían pasando os anos pasábase ao que teña e que veña. E ao final xa, que veña solo.
Tamén cando un home ou muller era xa moi maior e non daba casado, dicíaselle “a ti xa che pasou o sol pola porta”.
De pequeno rei, de mozo capitán, de casado burro e de vello can.
Os fillos das miñas fillas, meu netos son. Os fillos dos meus fillos, ou serán ou non.
ARP (Meira)

0 comentarios:

Publicar un comentario

Valoramos todo o que nos poidas aportar: comentarios, críticas, novos contos (lembra dicirnos onde se contan!), fotografías vellas, e por suposto tamén ánimos...


Benvidos!

No curso 2008-2009, profesor e alumnos de Ciencias Sociais de 4º da ESO, do IES Pedregal de Irimia (Meira, Lugo) elaboramos un traballo de investigación que rematou neste blog. Con el, quixemos compartir con vós as moitas e fermosas historias que recollemos dos nosos vellos: cantigas, remedios contra as doenzas e mal de ollo, contos de lobos, nubeiros, ánimas e santas compañas, demos, mouros, encantos, e ata tesouros enterrados (organizadas por categorías). Poderedes acceder a todas elas, consultar imaxes, deixarnos comentarios e, por suposto, mesmo enviarnos as historias que vós mesmos recollades para sumar a este caderno. Que vos gusten!

miguelabraira@edu.xunta.es

Atopa!


Coñécenos en "Quen somos"