Vellos con Historia

Caderno de historias de tradición oral recollidas na comarca de Meira (Lugo)

Na parroquia de Pol, había un paisano que lle chamaban Farruco, e a casa na cal vivía coñecíase co nome de Farruco de Neves. Certo día á noite, foi pasar un bo rato á casa do veciño. Estiveron falando dos mortos, e el era un home moi valente, como a maioría dos homes naqueles tempos. E cando o dono da casa lle recordou que tiña que pasar por xunto o cemiterio para volver a casa dixo, moi seguro: “Ai, eu ós mortos non lles teño medo ningún”. Pasou o tempo, e chegou a hora de marchar para a casa, e Farruco arrancou todo valente. Pero ó ir pouco a pouco, preto do cemiterio, viu no camiño unhas luces que alumeaban na negra noite. Cada vez se acercaba máis ás luces, pero estas permanecían alí quedas. E dixo: “Ai Dios, que teño que pasar por xunto desas luces”. Colleu unha pedra na man e berrou: “Se es cousa do outro mundo, apártate. E se es deste, vente”. Pero as luces seguían sen moverse e sen facer nada, así que, sen pensalo dúas veces, tiroulles a pedra, e botou a correr para a casa. Mentres corría, miraba para atrás e vía as luces avanzando detrás del. Canto máis corría, máis corrían as luces. E ao chegar á casa, que tiña a porta moi baixa, ó querer entrar deu coa cabeza enriba, e caeu desmaiado. Ó día seguinte, cando espertou, xa amencendo, descubriu que estaba manchado de arriba abaixo coas marcas das pezuñas dunha ovella. E quedou pensando, e deuse conta de que as luces igual procedían dunha ovella que lle quedara a noite anterior fóra. Así que foi mirar as ovellas e viu que había unha á que lle faltaba a pel do lombo. E pensou: “Mira mira, foi á que lle tirei eu a pedra…”. E claro, deduciu que a ovella víñase para a casa despois de que o señor lle tirara a pedra.
JFF (Hermunde, Pol)

0 comentarios:

Publicar un comentario

Valoramos todo o que nos poidas aportar: comentarios, críticas, novos contos (lembra dicirnos onde se contan!), fotografías vellas, e por suposto tamén ánimos...


Benvidos!

No curso 2008-2009, profesor e alumnos de Ciencias Sociais de 4º da ESO, do IES Pedregal de Irimia (Meira, Lugo) elaboramos un traballo de investigación que rematou neste blog. Con el, quixemos compartir con vós as moitas e fermosas historias que recollemos dos nosos vellos: cantigas, remedios contra as doenzas e mal de ollo, contos de lobos, nubeiros, ánimas e santas compañas, demos, mouros, encantos, e ata tesouros enterrados (organizadas por categorías). Poderedes acceder a todas elas, consultar imaxes, deixarnos comentarios e, por suposto, mesmo enviarnos as historias que vós mesmos recollades para sumar a este caderno. Que vos gusten!

miguelabraira@edu.xunta.es

Atopa!


Coñécenos en "Quen somos"