Vellos con Historia

Caderno de historias de tradición oral recollidas na comarca de Meira (Lugo)

Cando inchaban, mollábase un “viorto” de palla no gas de acender o candil e pasábaselles pola boca, o que facía que expulsaran os gases do estómago, por que llelo revolvía e lles daba náuseas.
Se o que se quería conseguir era que rumiaran, dábaselles raíz de carvé.
Tamén se lles daba ás que estaban atascadas do ventre a chamada auga de Carabaño, ou ben a que chamaban herba rateira.
APR (Meira)

Cando as vacas inchaban, picábanse no vao (entre as costelas) cun coitelo para sacarlles así o aire. Outro remedio para cando os animais inchaban consistía en darlles a auga que quedaba de cocer formigas con medio litro de augardente e outro medio de aceite.
Para os cólicos, dábaselles a auga que quedaba de cocer nela cabezas de adormideiras.
MAD (Pousada, A Pastoriza)

Cando atrancaban cunha mazá ou co que fora, dábaselles un pau no pescozo para que lles baixara con normalidade ao estómago.
IAV (Miñoto, A Pastoriza)

Se unha vaca estaba conxestionada, con malestar do estómago porque lle fixera mal calquera cousa, había que darlle a beber xenebra nunha botella. Ou tamén manzanilla da que se colleitaba na casa.
Se unha vaca inchara, dábaselle aceite,vinagre e gas do que se usaba para alumar.
ELF (Meira)

Se unha vaca tiña conxestión, dábaselle a tomar xenebra e bicarbonato.
Se un xato tiña diarrea, dábaselle a beber gasosa.
IPP (Martín, Baleira)

Se unha vaca non daba feito a dixestión, dábanlles manzanilla.
Preparábase unha bebida de manzanilla e [augardente de] país, ou ben de leite e aceite, pra darlle de beber ó gando cando tiñan un inchazón no estómago.
JFF (Fonmiñá, A Pastoriza)

Para tratar os cólicos das vacas, hai que deixar secar adormideras e botarllas mesturadas ca herba seca.
AGR (Vilariño, Muimenta, Castro de Rei)

Cocíase en leite flor de iuca e dábaselle a beber, para os cólicos. Noutras ocasións, para o mesmo, dábanlle leite fervido con allo.
Se a vaca estaba inchada, cocíaselle en leite flor de sabugueiro (tamén chamada saúgo ou bieiteiro) e dábaselle a beber.
Para a indixestión, dábaselle ata un libro de xenebra con aceite.
TBG (Pousada, A Pastoriza)

Algunhas vacas teñen desprazamento de estómago, e para curalo había que darlle á vaca varias voltas sobre ela mesma mentres o curandeiro llo agarraba.
MPV (Hermunde, Pol)

Cando as vacas estaban mal, fervíanse en auga herbas de valeriana, politaria, manzanilla, asento branco, violeta e colondrillo, e unha vez arrefriado dábaselle isto a beber. Desde que apareceu o bicarbonato, botábaselle algo tamén.
AGG (Currás, Bretoña, A Pastoriza)

Cando un animal enfermaba e ouriñaba mal cocíanlle herba de violeta e dábanlla a beber.
PVJ (Vilar de Mouros, Meira)

0 comentarios:

Publicar un comentario

Valoramos todo o que nos poidas aportar: comentarios, críticas, novos contos (lembra dicirnos onde se contan!), fotografías vellas, e por suposto tamén ánimos...


Benvidos!

No curso 2008-2009, profesor e alumnos de Ciencias Sociais de 4º da ESO, do IES Pedregal de Irimia (Meira, Lugo) elaboramos un traballo de investigación que rematou neste blog. Con el, quixemos compartir con vós as moitas e fermosas historias que recollemos dos nosos vellos: cantigas, remedios contra as doenzas e mal de ollo, contos de lobos, nubeiros, ánimas e santas compañas, demos, mouros, encantos, e ata tesouros enterrados (organizadas por categorías). Poderedes acceder a todas elas, consultar imaxes, deixarnos comentarios e, por suposto, mesmo enviarnos as historias que vós mesmos recollades para sumar a este caderno. Que vos gusten!

miguelabraira@edu.xunta.es

Atopa!


Coñécenos en "Quen somos"