Vellos con Historia

Caderno de historias de tradición oral recollidas na comarca de Meira (Lugo)

Cando unha vaca ou un boi estaban moito tempo ó sol, encontrábanse mal. Púñaselle a mau nos cadrís e, se soltaba moita calor, dicíase que ese animal tiña solazo. Aplicábaselle entón sobre a zona unha plastumada de vinagre e fariña en papel de estrapo, e ata que estaba ben seco non se lle podía quitar.
ELF (Meira)

Contra os rigores do clima, cando perigaba o animal, adoitábase amantalos, achegarlles un caldeiro con brasas, ou darlles a beber leite con aceite quente; sen esquecernos do unto, que ofrecía un gran servizo no verán ós animais, impedindo a picada de insectos.
MES (Vilasuxo, Meira)

Cando tiñan un solazo nos cadrís, púñanlles placas de barro sobre estes.
Se algunha vaca estaba fría e notaban que non comía, amantábanas ben, xa que daquela a perda dunha vaca producía un gran desgusto.
JFF (Fonmiñá, A Pastoriza)

Se unha vaca estaba soleada, fregábaselle o lombo con aceite e vinagre sen tocarlle o espiñazo, e despois amantábanse. Noutras casas, en vez de aceite, empregaban o unto dos cochos.
SCG (A Pastoriza)

0 comentarios:

Publicar un comentario

Valoramos todo o que nos poidas aportar: comentarios, críticas, novos contos (lembra dicirnos onde se contan!), fotografías vellas, e por suposto tamén ánimos...


Benvidos!

No curso 2008-2009, profesor e alumnos de Ciencias Sociais de 4º da ESO, do IES Pedregal de Irimia (Meira, Lugo) elaboramos un traballo de investigación que rematou neste blog. Con el, quixemos compartir con vós as moitas e fermosas historias que recollemos dos nosos vellos: cantigas, remedios contra as doenzas e mal de ollo, contos de lobos, nubeiros, ánimas e santas compañas, demos, mouros, encantos, e ata tesouros enterrados (organizadas por categorías). Poderedes acceder a todas elas, consultar imaxes, deixarnos comentarios e, por suposto, mesmo enviarnos as historias que vós mesmos recollades para sumar a este caderno. Que vos gusten!

miguelabraira@edu.xunta.es

Atopa!


Coñécenos en "Quen somos"