Vellos con Historia

Caderno de historias de tradición oral recollidas na comarca de Meira (Lugo)

A flor de romeiro utilizábase contra as anemias, decaementos e a falta de apetito.
Tamén para isto último e outros problemas de ventre, tomábase fariña de avea, pero moída coa pedra do muíño colocada dun xeito especial.
Para facer ben as dixestións, dicían que era mellor o leite callado, porque tiña un setenta e cinco por cen de mucosa intestinal.
MAD (Pousada, A Pastoriza)

Para os gases tomábase auga con menta.
Para a dor de barriga cocíase “malvela” e bebíase esa auga.
IAV (O Chao do Pousadoiro, Ribeira de Piquín)

Se un neno choraba porque tiña dor de barriga, a persoa que o coidaba metíase un papado de augardente na boca, e despois tiráballo na barriga ao neno e fregáballa coas maus.
Se un neno tiña lombrigas, para que as botase fóra, dábaselle a beber un xarope de augardente, aceite e sal, todo ben remexido.
Se ao neno non lle anda o ventre, acéndese un misto, móllase en aceite e pónselle no cu como un supositorio; outro remedio era poñerlle a modo de supositorio un cacho de xamón mollado en aceite.
Para a infección de ouriño, había que tomar vaos de manzanilla.
No San Bernabé, na parroquia de Martín, hai un santo moi milagreiro, e hai tamén unha fonte á que a xente traía os animais cando tiñan algunha doenza. Ultimamente, o costume cambiou, e agora veñen persoas para fregar coa auga desa fonte as partes do corpo nas que teñen o mal; despois, deixan colgado nunha árbore o pano que empregaron para fregarse, coma se o mal quedara así tamén nel.
IPP (Martín, Baleira)

Había unha herba que se chamaba corzana, e que servía para facer andar o ventre; había que cocela con auga e despois bebela.
Tamén había outra que chamaban "solda con solda", e era boa para o estómago cando estaba aberto. Había que cocela e bebela tres veces ao día; despois, unha muller que se chamaba Josefa Álvarez Val, dicíalle unhas palabras, e con esas palabras facía que o estómago cerrara.
IGL (A Pastoriza)

Para curar os cólicos, hai que tomar infusións de rabos de cereixa.
AGR (Vilariño, Muimenta, Castro de Rei)

Para matar as lombrigas, había que cocer leite con menta.
TBG (Pousada, A Pastoriza)

Cando alguén padecía de lombrigas, o remedio máis eficaz era unha infusión feita con menta brava. Pero se o mal que tiña era un empacho (cousa que poucas veces sucedía, xa que non había moito que comer) unha solución moi rápida era facerlle tomar á persoa afectada unha planta chamada asento, tamén en forma de infusión, a cal era de un sabor tan desagradable que provocaba vómitos case ao instante.
ARP (Meira)

0 comentarios:

Publicar un comentario

Valoramos todo o que nos poidas aportar: comentarios, críticas, novos contos (lembra dicirnos onde se contan!), fotografías vellas, e por suposto tamén ánimos...


Benvidos!

No curso 2008-2009, profesor e alumnos de Ciencias Sociais de 4º da ESO, do IES Pedregal de Irimia (Meira, Lugo) elaboramos un traballo de investigación que rematou neste blog. Con el, quixemos compartir con vós as moitas e fermosas historias que recollemos dos nosos vellos: cantigas, remedios contra as doenzas e mal de ollo, contos de lobos, nubeiros, ánimas e santas compañas, demos, mouros, encantos, e ata tesouros enterrados (organizadas por categorías). Poderedes acceder a todas elas, consultar imaxes, deixarnos comentarios e, por suposto, mesmo enviarnos as historias que vós mesmos recollades para sumar a este caderno. Que vos gusten!

miguelabraira@edu.xunta.es

Atopa!


Coñécenos en "Quen somos"