Vellos con Historia

Caderno de historias de tradición oral recollidas na comarca de Meira (Lugo)

Certo ano, pola festa da parroquia, reñeron os rameiros (persoas encargadas de facer a festa, escollidos ó azar) cun home que lle chamaban Xan Pequeno. Estiveron reñe que reñe e ó final, Xan non lles deu nin un peso para a festa do pobo. Así que dixeron: “Bueno, pois xa que non nos das nada para a festa, vámoste fastidiar”. E o que fixeron foi tirarlle o carro ó río e soltarlle as ovellas, que as tiña nunha finca cerca da súa casa. E claro, el soubo que foran eles. E pensou para si: “Pois agora tócame a min”. Así que, o propio día da festa, preparou a súa vinganza. Naqueles tempos, os palcos das orquestras eran de pau, de madeira e táboas. Xan Pequeno foi á sesión vermú, e decidiu agardar á noite. Así que, mentres todos comían, el colleu unha serra e serrou os paus do palco, todos, ata a metade. Chegou así a hora de comezar a verbena, e a orquestra non daba aparecido. Toda a xente esperando, e Xan Pequeno sentado na parede do campo, onde se facía a festa. Chegaron os músicos e subiron para o palco. Segundo empezaron a moverse e a bailar romperon os paus e o palco caeu, con toda a orquestra enriba. E Xan Pequeno dixo: “¡Fastidiádevos, que para min non hai festa, pero para vosoutros tampouco!”.JFF (Hermunde, Pol)

0 comentarios:

Publicar un comentario

Valoramos todo o que nos poidas aportar: comentarios, críticas, novos contos (lembra dicirnos onde se contan!), fotografías vellas, e por suposto tamén ánimos...


Benvidos!

No curso 2008-2009, profesor e alumnos de Ciencias Sociais de 4º da ESO, do IES Pedregal de Irimia (Meira, Lugo) elaboramos un traballo de investigación que rematou neste blog. Con el, quixemos compartir con vós as moitas e fermosas historias que recollemos dos nosos vellos: cantigas, remedios contra as doenzas e mal de ollo, contos de lobos, nubeiros, ánimas e santas compañas, demos, mouros, encantos, e ata tesouros enterrados (organizadas por categorías). Poderedes acceder a todas elas, consultar imaxes, deixarnos comentarios e, por suposto, mesmo enviarnos as historias que vós mesmos recollades para sumar a este caderno. Que vos gusten!

miguelabraira@edu.xunta.es

Atopa!


Coñécenos en "Quen somos"