Vellos con Historia

Caderno de historias de tradición oral recollidas na comarca de Meira (Lugo)

Mostrando entradas con la etiqueta Supersticións varias. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Supersticións varias. Mostrar todas las entradas

O día de ano novo, botábase sal pola fiestra para fóra, para espantar así ás meigas.
ARP (Meira)

A noite de fin de ano deixábase encima da soleira da fiestra doce areas de sal, cada unha correspondente a un mes do ano. O seguinte día pola mañá (aninovo) mirábase cal era a area que máis mollada estaba e a cal dos doce meses correspondía, sabendo así o mes que viría con máis choiva. A isto chamábanselle as témporas e servían, entre outras cousas, para orientarse coas tormentas.
ARP (Meira)

Antigamente críase que o cuco era un paxaro que daba moi mala sorte, sobre todo cando cantaba pola mañá e o escoitabas sen ter comido nada. Por iso, nada máis espertar, bebíase enseguida un grolo dun vaso de auga que acostumaba estar xa na mesiña de noite. Do contrario, se o escoitabas sen ter comido nada, dicíase que te "capara" o cuco, e polo tanto a mala sorte acompañaríate durante todo o ano.
ARP (Meira)

Se ao camiñar ou botar unha carreira, sentíase un punto no peito, había que coller un coio do camiño, poñelo no sitio do punto, cuspirlle e deixar a pedra de novo no sitio do que se collera.
ARP (Meira)

Ás veces, cando ía un rapaz a unha casa ver unha moza, a mai da rapaza facíalle un beberaxe para que non se puidera separar dela e quedara prendado para sempre.
ARP (Meira)

Antes, cando algo se perdía, conviña rezar o responso a San Antonio; pero non valía rezalo de calquera maneira. Tiña que ser tres veces, de corrido e sen equivocacións, porque senón xa se podía ter por perdido para toda a vida.
ARP (Meira)


Benvidos!

No curso 2008-2009, profesor e alumnos de Ciencias Sociais de 4º da ESO, do IES Pedregal de Irimia (Meira, Lugo) elaboramos un traballo de investigación que rematou neste blog. Con el, quixemos compartir con vós as moitas e fermosas historias que recollemos dos nosos vellos: cantigas, remedios contra as doenzas e mal de ollo, contos de lobos, nubeiros, ánimas e santas compañas, demos, mouros, encantos, e ata tesouros enterrados (organizadas por categorías). Poderedes acceder a todas elas, consultar imaxes, deixarnos comentarios e, por suposto, mesmo enviarnos as historias que vós mesmos recollades para sumar a este caderno. Que vos gusten!

miguelabraira@edu.xunta.es

Atopa!


Coñécenos en "Quen somos"