Contaba o avó de meu bisavó que unha vez viña de ver unha moza que tiña na parroquia veciña. Era noite pecha e non se vía nada, porque el ademais non levaba luz. Indo por un carreiro que atravesaba un prado, ao saír pola cancela que cerraba a finca, pareceulle ver un vulto pegado á macheta. Xa dera dous ou tres pasos adiante cando se revolveu e dixo: “Marica, ¿ti que fas aí?” pensando que era unha señora pobre do mesmo pobo que tiña por costume andar de noite e aniñarse apegada a calquera parede. Pero ao non atopar resposta ningunha volveu preguntar outra vez o mesmo. E entón unha voz descoñecida contestoulle: “Segue sempre o teu camiño e nunca mires para atrás. Ben deitas do que levas no peto”. Entón, intimidado, chegou á casa e deitouse. Ata o outro día durmiu e descansou, pero nada máis erguerse, ao amencer, acordouse do que pasara. Empezou a revolver nos petos da roupa do día anterior e sorprendeuse bastante ao atopar un crucifixo que estaba precisamente roto en dous cachos. Aos dous días era domingo e, despois da misa, foi contarllo ao cura, quen lle respondeu: “Sonche bruxas que andan de noite buscando almas para levar. Nunca vaias sen algo bendito no peto”…
ARP (Meira)
Unha noite de inverno, apareceu berrando un aniño á porta dunha casa. Estaba chovendo, así que metérono para dentro, secárono, achegárono á cociña e quentáronlle leite para que mamase. E despois de todo iso, vai o aniño e érguese, e di: “¡Cucurucú, as vellas do muíño quentáronme o cu!”. E dándolle ao rabo, desapareceu e nunca máis se soubo del.
MAD (Pousada, A Pastoriza)
Hai uns anos, para pesar os xatos, a xente da Ribeira tiña que levalos a Meira á feira. Se na serra se cruzaban cunha muller, toureábanse, e entón botábaselle a culpa á muller, acusándoa de meiga.
Naqueles tempos, non había tampouco as máquinas de hoxe en día. Cando se ía aos nabos, formábanse lotes para seren máis fáciles de arrear, e se un non era capaz de erguelos había que dicir “¡Jesús!”, e esperar a que un ruído raro soase no río, logo volvíase a intentar e xa se tiñan forzas para poder erguelo. Pensábase que era un trasno, exactamente “o trasno do río Eo”.
IAV (O Chao do Pousadoiro, Ribeira de Piquín)
Para que as meigas non puidesen entrar nos animais e causarlles enfermidades, había que colgarlles un cacho de allo ou un pedaciño de cicuta (herba velenosa).
Ademais, na noite de san Xoán, enramábanse todas as portas e ventás da casa para que as meigas non puidesen entrar, e ao día seguinte, pola mañá cedo, había que limpar ben a cara coa auga do orballo que quedaba no campo, para evitar ás meigas todo o ano.
IAV (Miñoto, A Pastoriza)
Antigamente había meigas das malas, que eran as que botaban o mal de ollo, e meigas das boas, que quitaban estas e outras maldicións mediante oracións secretas. Nunha casa de aquí cerca, na que tiñan numeroso gando, enfermou un día unha vaca que sempre estivera sa coma un buxo, e consideraron que era mal de ollo, polo que decidiron chamar a unha meiga. Esta botou bastante tempo metida na corte coa vaca, facéndolle conxuros, sen ninguén máis presente. Despois, tomou a meiga o café co amo na cociña da casa, e ao rematar, achegáronse á corte, e xa estaba a vaca de pé comendo.
PDA (O Chao do Pousadoiro, Ribeira de Piquín)
O padriño da miña avoa era de casa forte, xa que tiñan uns cantos bois e algunha vaca, e iso, naquela época, era un bo capital. Un día, o padriño foi á louseira de Bóveda cos bois e cargou o carro de lousa. Logo díxolle ó criado: “Pasa para diante e vai soleando coas vacas”, que quería dicir que xuntase as vacas canda os bois, para dar levado o carro. O criado foi buscar as vacas pero, ó ver que non volvía, o padriño marchou para a casa. Cando chegou aló, berroulle e preguntoulle por qué non volvera para axudalo. Pero o criado estaba moi asustado e tiña a cara rabuñada. “Cale a boca señor, que viñeron as meigas e déronme a elixir por onde quería vir, se por aire ou por terra”, dixo o criado. Como este non respondera á pregunta das meigas, elas levárano arrastrado por entre as silvas e os toxos. E contan que antes do acontecido o criado saía moito de festa pola noite, pero dende aquela nunca volveu saír.
MPV (Hermunde, Pol)
Un home tiña que traer a Outeiro unha viga moi larga e moi pesada, para que lla amañasen. Por un lado levaba un burro sostendo un extremo, e no outro ía el tendo mao do outro. Pero chegou un momento en que o home ía xa canso de levar a viga, e aparecéuselle o trasno, que lle dixo: “¿Canto queres por venderlle a túa alma ao demo?”. E o home respondeulle: “Ai por cartos non lla vendo; eu quero durar cen anos”. E o trasno díxolle: “Cen anos non os vas durar. Vas durar tanto, e vas morrer tal día e a tal hora”. E así foi.
ELF (Outeiro, Castroverde)
Unha vez, alí abaixo onde está o río, pola escampada, viña un señor de Queizán e atrás del víñano seguindo unhas luces. Ao chegar a aquel punto, dixo: “¡Ai ho, pódeste ir que xa cheguei!”. E de súpeto, escoitouse un estalido e o demo desapareceu.
ELF (Outeiro, Castroverde)
Un home que foi ver a súa moza, saíu tarde e perdeuse no camiño. Andou toda a noite sen saber onde estaba e por fin, á mañá seguinte, chegou a casa. Ao quitar as zocas dos pés, viu que traía unha zoca gastada e a outra sen gastar. E cando fixo unhas cruces sobre esta, a zoca desapareceulle.
ELF (Outeiro, Castroverde)
Antigamente dicían que existía o demo e que se lle aparecía a xente. Houbo un señor de Baleira que dicía que se lle aparecera o demo unha vez, cando el ía para a feira da Fonsagrada. O demo ía por un prado adiante acompañándoo, e así que chegaron ao final do prado, o señor díxolle ao demo: “¡Ai ho, acabouse o prado!, ¡para!”. O demo pegou un estalido e desapareceu.
ELF (Outeiro, Castroverde)
Un día, rozando as silvas e as malas herbas dunha finca, miña avoa rabuñouse cunhas herbas que descoñecía e, ós poucos días, a zona da man onde se rabuñara colleu unha cor verdosa e una textura rugosa. Ela pensaba que foran as herbas coas que se rabuñara, pero a meiga do pobo díxolle que iso era mal de ollo, e propúxolle ir a súa casa facer as curas durante unha semana. Como non tiña nada que perder, miña avoa fixo como a meiga lle propuxera, e á semana seguinte recuperou a pigmentación e a textura natural da súa pel.
MES (Vilasuxo, Meira)
Falan os vellos que un día, levando un carrado de esterco guiado por unha vaca mansa e unha xata nova, cruzáronse cunha vella coñecida como “a meiga do pobo”, que lles preguntou: “¿E como te fías desa xata tan nova para levar o carro?”. Foi dicir iso e a xata comezou a correr cunha agresividade que nunca mostrara, tirando ós donos do carro, e botándose por un barranco coa vaca e o carro. O resultado foi unha vaca coxa e sen un teto, e unha xata mal ferida. Do carro aproveitáronse as rodas… Pero ós poucos días a xata morreu.
MES (Vilasuxo, Meira)
Estaban seguros de que se vías unha meiga, o mellor era cuspir tres veces para escorrentar a mala sorte…
MES (Vilasuxo, Meira)
Contan que eran dous irmáns que compartían habitación. Un chamábase Domingo e o outro Xoán. Xoán era discapacitado mental, e unha noite Domingo quería ir as festas do pobo, pero seus pais prohibíranlle asistir. Así que ás 12 da noite, cando todos estaban a durmir, Domingo colleu unha corda e atouna á cama de Xoán. Cando xa estaba baixando pola corda, a cama de Xoán, co peso, comezou a moverse cara a ventá, e este empezou a berrar: “¡Ai, Papá, papá…! ¡Corre, que me leva o demo!”; e entón dille seu pai: “¡Agárrate a Domingo, ho!” E contéstalle Xoan: “¡A Domingo xa o levou!”.
MES (Vilasuxo, Meira)
Cóntame miña avoa, que no pobo había unha señora que dicían que cando miraba para algún animal este enfermaba. E certo día, a señora esta mirou un cocho, e houbo que chamar ó veterinario para que se puidera curar. E repetiuse a historia cunha nena, que enfermou despois de que esta señora lle botara unha mirada.
Pero non só había esta meiga. Había outra señora que sempre estaba ó lado dunha fiestra que tiña na súa casa, observando a xente que pasaba pola carretera. Os veciños do pobo desexaban que a señora non os vise marchar cando tiñan que facer unha viaxe, porque según me contan, si esta muller te vía antes de saír de viaxe, ou antes de ir á feira vender un animal, algo malo che pasaba. Se saías de viaxe, averiábache o coche. E si ías á feira, ou non había forma de vender o animal ou che enfermaba xa polo camiño.
JFF (Hermunde, Pol)
Antigamente a xente ía á igrexa de rogación, para bendicir a colleita.
AGR (Vilariño, Muimenta, Castro de Rei)
Aconteceu en Muimenta, na casa da Nieves de Antonio, unha amiga de meu avó. Disque foi un día a María de Luís (que todos dicían ou que era meiga ou tiña mal de ollo, nunca se soubo certo) á casa da Nieves e que lle dixera si lle ensinaba os ranchos. En efecto, a dona da casa foillos ensinar, botaron un cacho véndoos e despois fóronse. De alí a un pedazo, a Nieves sentiu un estaraboucido na corte e foi mirar. E alí viu como os cochos subían polas paredes e se botaban dos cortellos. Ela, que nunca tal vira, foi lista e chamou ó cura. Este bendiciulle os cochos e as cortes, e os porcos pararon ao momento. Mais adiante souberon que se non chamaran a un cura, os ranchos acabarían morrendo. E aseguran que a María da Luís fixo que morreran así moitos porcos.
AGR (Vilariño, Muimenta, Castro de Rei)
Contan que un día na Ponte de Outeiro (Castro de Rei), a Pepa da Forraxe, que dicían que era medio meiga, fora a casa do avó de miña avoa, e disque reñeron porque a Pepa quería mercarlle a horta a meu tataravó e el non quería. Entón a meiga fixo que se lle ateigara a horta de vermes e limachas. Meu tataravó chamou ó cura Don Francisco. Este veu e bendiciu a horta mentres dicía unhas cántigas. Ao día seguinte todos cantos vermes había estaban colocados na cornixa da casa.
AGR (Vilariño, Muimenta, Castro de Rei)
Non se sabe se é certo ou non, pero dise que hai moitos anos, alí cerca de Triabá, Castro de Rei, vivía unha vella que dicían que era meiga. Un día, tres homes do pobo decidiron darlle unha boa malleira. Así que os tres homes foron á casa da vella, cada un co seu pao. Entraron na casa e alí encontráronse coa vella, dándolle unha malleira de morte. A vella, antes de morrer, botoulle unha maldición a un deles. Os homes, por medo a que os descubrisen, foron a un forno que había alí cerca e queimárona, pero o home ó que lle botara a maldición a vella, foi un tempo ó cárcere. E cando saíu del, encontrouse coa vella, que regresara do inferno para levalo, coméndolle primeiro o ril, e días despois o fígado, o páncreas, os pulmóns… ata que aquel miserable desapareceu.
AGR (Vilariño, Muimenta, Castro de Rei)
Contoume o meu avó Santiago, que cando el e os seus irmáns eran pequenos, os maiores asustábanos para que se portaran ben, dicíndolles que, se non eran obedientes, de noite ían vir os trasnos. Había varios tipos de trasnos, segundo o que os maiores querían conseguir. Uns viñan de noite e roubábanlles a comida que tiñan na barriga, e logo os nenos tiñan fame e nunca se fartaban. Outros, que viñan tamén de noite, contábanlles os ósos da columna vertebral e producíanlles calafríos para todo o ano. Outros, viñan tamén de noite e subían para o faiado, onde se dedicaban a mover as cousas de sitio e provocar ruídos que atormentaban e enchían de medo ós nenos. E o último tipo de trasno que recorda meu avó, era un trasniño máis pequeno que os outros, que viña e chuchaba o alimento ó gando, deixando á familia sen sustento para todo o ano. Por iso, cando nas casas escoitaban calquera ruído raro, os pais dicíanlles aos pícaros: “¡Andan os trasnos aí, xa podedes portarvos ben!”.
YLA (A Muíña, Retizós, Baleira)