Vellos con Historia

Caderno de historias de tradición oral recollidas na comarca de Meira (Lugo)

Mostrando entradas con la etiqueta Contos do lobo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Contos do lobo. Mostrar todas las entradas

Antes había unha egua en cada casa para poder saír así a lonxe porque outros medios non había. Un día, o señor Toño do Valdeduque, volvendo da feira de Álvare, xa a altas horas da noite, en chegando ao Sarro de San Cosme, empezou a parárselle a egua no camiño. El picou “espuelas” e, aínda que de mala gana, de alí a un pouco a egua seguiu para diante. Aos poucos metros pasoulle outra vez, pero el volveu picar e, cando á egua lle pareceu o camiño seguro, arrancou. Tendo en conta que este animal era moi nervioso e tiña moi mal xenio, ben se deitou que o señor Toño a tiña ben amansada, porque se fora outro home tirábao no chan. Así foi indo ata chegar á Agra da Peneda, onde lle volveu o animal a parar e un pouco máis adiante igual. Cando lle faltaba aproximadamente un quilómetro para chegar á casa figuróuselle que algo se lle tirara do pico dunha parede diante dos fociños da egua. El notou daquela coma un frío que lle percorreu todo o corpo e estremeceuse. Tremeu co medo ao notar unha presenza estraña. Desta vez botou a egua a correr a galope e non parou ata chegar á casa. O señor Toño meteuse coa besta na cuadra preguntándose por que o animal lle fixera esas manobras, e el sentira ese medo. Acabou de desaparellar a egua e cerroulle a porta. Logo atravesou o camiño cara a casa onde vivía e mentres ía andando entráronlle outra vez eses arrepíos e suores que antes sentira. Por fin entrou na casa e, con curiosidade, colleu un foco e abriu o poxigo, alumando cara ao camiño. Cal foi a súa sorpresa cando viu alí, ao fondo, dous lobos sentados fronte á porta, tal vez esperando a que Toño volvera saír.
ARP (Meira)

Isto pasoulle a un gaiteiro en pleno inverno, cando era frecuente que o chamaron dos pobos para ir tocar ás ruadas. Cando volvía xa da festa, atopouse cun valado e púxose a saltalo. Quedou sorprendido cando, ao tirarse para o outro lado, se encontrou cunha parella de lobos de fronte. Non lle deixaban pasar nin para un lado nin para outro. Entón o gaiteiro sacou un cigarro e, ao acendelo, os lobos viron o lume e apartáronse, deixándolle avanzar. Vendo que con este procedemento podía camiñar cara adiante, o gaiteiro foi acendendo mistos e avanzando, sempre cos lobos cerca del. Pero os mistos acabáronse e chegou un momento en que o gaiteiro xa non tiña con que defenderse. Os lobos, lonxe de apartarse do home, achegábanse a el máis e máis, vendo que xa non tiña lume na man. O gaiteiro empezou a recuar cara atrás, con tan boa sorte que tropezou cunha árbore que había detrás del e caeu xusto encima do fol da gaita. Nese momento empezou a sonar o roncón e os lobos, ao escoitalo botaron a correr tanto que deixaban máis terra por detrás que a que vían por diante.
E así foi como o bo do gaiteiro se librou das fauces do lobo.
ARP (Meira)

Dunha vez, un home que ía para Sadrarín, atopouse cun lobo e subiuse rapidamente ó pico dunha árbore. O lobo roeulle as zocas, porque non lle chegaba a máis.
Noutra ocasión, a un home que ía para a Serra avarioulle o tractor, e tivo que volver andando ata Esqueira, no Chao. Polo camiño, atopouse cun lobo que se lle puxo diante e non lle deixaba andar; pero como o home levaba un “farolón” (un foco de alumar, de aceite) empezou a movelo para espantalo. O lobo non lle fixo nada, pero foi con el durante todo o camiño ata a casa. E cando o home quixo saír de novo para volver polo tractor, o lobo aínda estaba agardando por el.
IAV (O Chao do Pousadoiro, Ribeira de Piquín)

Conta un veciño que, unha noite, a súa mai foi coller un feixe de verzas preto dun muro na Fonte do Zarro. De súpeto, sentiu un calafrío que percorreu o seu Corpo de arriba abaixo e, ao erguer a cabeza, viu un lobo saltando o muro. A muller botou a correr para a casa e, dende aquello, nunca máis volveu a saír soa ó resío da noite.
Noutra ocasión, un home que tiña as vacas pacendo no monte, en chegando ao prado viu as súas catro vacas rodeadas por tres lobos. Ao tratar de defendelas, as vacas fuxiron, e ao final foi el mesmo quen quedou rodeado de lobos. Asustado, o home correu a pedir auxilio e a petar nas penas coa vara da que dispoñía, ata que un veciño que oíu os berros saíu ao seu encontro, e o levou para casa, sen fala, e sen vacas.
Quizá polo conto anterior, din que cando os cazadores mataban ós lobos, collíanos e atábanos a unha vara para pasealo polo pobo, xa que a xente recompensábaos con ovos, patacas, e outras cousas, debido a que ditos animais, en numerosas ocasións, acababan coa vida do gando.
Hai quen di, ademais, que cando un vía ao lobo antes de que te vira el a ti, perdías a fala, aínda que pasados uns días recuperábala. En cambio, se te vía o lobo antes de que ti o viras, non a perdías.
MES (Vilasuxo, Meira)


Benvidos!

No curso 2008-2009, profesor e alumnos de Ciencias Sociais de 4º da ESO, do IES Pedregal de Irimia (Meira, Lugo) elaboramos un traballo de investigación que rematou neste blog. Con el, quixemos compartir con vós as moitas e fermosas historias que recollemos dos nosos vellos: cantigas, remedios contra as doenzas e mal de ollo, contos de lobos, nubeiros, ánimas e santas compañas, demos, mouros, encantos, e ata tesouros enterrados (organizadas por categorías). Poderedes acceder a todas elas, consultar imaxes, deixarnos comentarios e, por suposto, mesmo enviarnos as historias que vós mesmos recollades para sumar a este caderno. Que vos gusten!

miguelabraira@edu.xunta.es

Atopa!


Coñécenos en "Quen somos"