Vellos con Historia

Caderno de historias de tradición oral recollidas na comarca de Meira (Lugo)

Mostrando entradas con la etiqueta Tormentas e nubeiros. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Tormentas e nubeiros. Mostrar todas las entradas

Sacábanse as pás de cocer o pan para fóra e colocábanse en forma de cruz.
IAV (O Chao do Pousadoiro, Ribeira de Piquín)

Sempre que tronaba, había que botar fóra da casa a pá e o rodo do forno.
Contan tamén que, nun lugar doutro concello, houbera unha tormenta moi forte, e que unha muller correra a meterse na cama, como alí tiñan por costume. A muller levaba posta unha cadea de prata e, ao caerlle un raio, sorprendentemente, este queimoulle por completo a cadea, quedando sen embargo ela intacta. Casualmente, esa mesma noite, os raios mataron a outra muller e queimaron un palleiro no mesmo pobo.
PDA (O Chao do Pousadoiro, Ribeira de Piquín)

Cando tronaba, metíase loureiro bendito no lume da casa mentres se dicía: Santa Babara bendita, que en el cielo estás escrita, guarda pan y guarda trigo, guarda gente del peligro.
AGR (Vilariño, Muimenta, Castro de Rei)

Antes había moita máis neve, e moitas máis tormentas, e aquí para espantar a tormenta, tocaban as campás. Tamén se collía a pá de meter o pan no forno, e púñase no pico del para espantar o trono. Outra xente poñía velas benditas e acesas nas ventás, e ao lado un cristo bendito. E aquí había un señor que puxera un cristo na ventá e unha vela, porque tiña a casa máis baixa que o nivel do camín, e pasaba unha tormenta moi grande e unha riada moi forte por diante da porta. E saíu dunha vez el á porta, ao lado da ventá, para ver se non se lle apagaba a vela, e viu que unha ventolada moi forte de aire lle levara o cristo para a riada, e que lle ía xa polo camín abaixo. Así que levou un apuro grandísimo, saíu á présa da casa e foi collelo, mollándose moito. E ao chegar a casa con el, moi enfadado, díxolle: “¡Pampallín!, dáme a gana de darche unhas hostias; cuando no te salvas tú, cómo vas a salvarnos a nosotros…”, e meteu outra vez o cristo na casa. Pero el sacábao con toda a fe.
IPP (Martín, Baleira)

Tapábanse con sabas todos os espellos que había na casa, porque dicían que atraían os raios. Despois, as mulleres da casa, collían loureiro bendito e queimábano, mentres dicían a seguinte oración: “Santa Bárbara bendita, que no ceo estás escrita, defende o pan e o trigo e saca as nosas almas de perigo”. Ademais, era recomendable non saír da casa; se alguén o facía, debía seguir algúns coidados como poñer un brote de silva na cabeza, para que non te alcanzasen os raios, ou non resgardarse debaixo das árbores ou de obxectos de metal (pois atraían moito os raios). Tamén se dicía que era mellor non andar moito coa auga dentro da casa, xa que a humidade atrae moito o aparato eléctrico.
YLA (A Muíña, Retizós, Baleira)

Contra a tormenta, metíase loureiro no tiro da cociña e deixábase arder.
Tamén adoitaban sacar o santo fóra da igrexa para pedirlle que a tormenta non viñera estragar as colleitas.
Na misa, o cura dicía “Dios guarde el pan y el trigo y saque a la gente de un gran peligro”, e a cambio pagábaselle un ferrado de trigo.
IAV (Miñoto, A Pastoriza)

Non se poñían nin ao lado das ventás nin das portas, nin tampouco cerca do tiro da cociña; metíanse nun cuarto sen luz.
MAD (Pousada, A Pastoriza)

Cando tronaba, queimaban loureiro na cociña de leña.
Tamén recitaban o seguinte verso: "Santa Bárbara Bendita que en el cielo estás escrita, guarda pan y guarda vino, guarda gente de peligro"; e rezaban oracións varias, como facían na igrexa.
Acendían velas, pero preferiblemente que estiveran benditas.
JFF (O Tombo, Fonmiñá, A Pastoriza)

Púñase loureiro bendito nas ventás, ou queimábase unha vela. Dicían que na igrexa de Seixosmil (Meira), había unha campá que, se vía a tormenta antes de que se puxera sobre ela, co seu son era quen de apartala. Tamén as campás de San Cosme desvían o trono.
SCG (A Pastoriza)

En Pousada hai unha pena que serve para indicar se vai chover ou vai facer sol. Así, cando a pena ten unha especie de pucho na punta, causado pola néboa, é que vai chover; mentres que se a néboa está arredor da pedra pero no fondo, iso quere dicir que vai facer bo tempo.
Para afastar o trono, queimábase loureiro bendito na lareira. Tamén se sacaban os santos da igrexa, e facíase unha procesión arredor dela. Tocábanse as campás. Ou acendíanse velas benditas e rezábase: "Santa Bárbara bendita, que en cielo está escrita, guarde pan, guarde trigo, e garde á xente do peligro". Outros, sen embargo, contáronme que o dito era diferente:"Cando trona, Cristo sona, Santa Bárbara bendita, Dios defenda o pan e o trigo, e á xentiña do peligro.
TBG (Pousada, A Pastoriza)

Cando había tormenta, queimaban loureiro bendito ou prendían unha vela bendita.
Nunha casa onde estivo miña avoa, tiñan unha santa (santa Bárbara), e cando había tormenta poñíana nunha ventá e acendíanlle unha vela.
PVJ (Vilar de Mouros, Meira)

Cando tronaba, a xente pechaba todas as contras da casa e íase para a cama. Ás veces levaban unha catiusca debaixo do brazo. Tamén se rezaba nove veces a “Letanía”, así como unha oración a Santa Bárbara, protectora contra as tormentas, que era a seguinte:
Santa Bárbara bendita
Que en el cielo estás escrita
Guarda pan y guarda trigo
Guarda gente del peligro.
Outro costume que había era o de queimar o loureiro que se bendicira o Domingo de Ramos.
Nalgúns pobos coma San Martiño e arredores, se por exemplo se estaba segando e empezaba a tronar, o campaneiro, un home xa designado para iso, ía á igrexa e tocaba as campás para afastar o trono, desviando a nube cara outra dirección. Ás veces,cando o campaneiro estaba moito tempo e a tormenta moi enriba, dicíase que lle era moi difícil tocala campá porque estaba moi recia debido a que a descarga eléctrica caía sobre o metal da campá.
ARP (Meira)


Benvidos!

No curso 2008-2009, profesor e alumnos de Ciencias Sociais de 4º da ESO, do IES Pedregal de Irimia (Meira, Lugo) elaboramos un traballo de investigación que rematou neste blog. Con el, quixemos compartir con vós as moitas e fermosas historias que recollemos dos nosos vellos: cantigas, remedios contra as doenzas e mal de ollo, contos de lobos, nubeiros, ánimas e santas compañas, demos, mouros, encantos, e ata tesouros enterrados (organizadas por categorías). Poderedes acceder a todas elas, consultar imaxes, deixarnos comentarios e, por suposto, mesmo enviarnos as historias que vós mesmos recollades para sumar a este caderno. Que vos gusten!

miguelabraira@edu.xunta.es

Atopa!


Coñécenos en "Quen somos"