Vellos con Historia

Caderno de historias de tradición oral recollidas na comarca de Meira (Lugo)

Había un señor que tiña moito medo e, se lle facían algo durante a noite, saía coa escopeta a tiros pola ventá. Este, queríalle moi mal a un veciño chamado Manolito. Entón, uns pícaros que estaban reunidos no bar, amañaron de facerlles unha trasnada. Ordenaron de collerlle o carro da máquina ó Manolito, e deixarllo diante da casa a este señor que tiña tanto medo. Pero con tan mala sorte que, cando viñan pola xeneral co carro, apareceulles a Garda Civil, polo que fixeron a curva para escapar dos gardas, e ó non deron termado do carriño, fóiselles polo valado abaixo e caeulle ó medoso entre as coles. Ó día seguinte, moi cedo, pola mañá, andaba o Manolito busca que busca no seu carriño. E ao pasar por diante da casa do seu inimigo, díxolle o medoso: “¿E o carriño ese que hai aí, non será teu ou?” E dixo o Manolito: “¡Pois claro que é, que mo roubaron a noite pasada!”. O outro meteuse dentro da casa, e saiu cunha vara todo cabreado, e berrando: “¡Pois tesme que pagar as coles que me estragache!”. Pero claro, dicía o dono do carriño: “Eu non fun, e non che pago nada”. Entón, todo enfurecido, dixo o señor que tiña a vara na man: “¿Ai non?, espera, que estas vouchas cobrar do pelexo”. E empezou a paus co inocente señor pola carretera adiante.
JFF (O Tombo, Fonmiñá, A Pastoriza)

0 comentarios:

Publicar un comentario

Valoramos todo o que nos poidas aportar: comentarios, críticas, novos contos (lembra dicirnos onde se contan!), fotografías vellas, e por suposto tamén ánimos...


Benvidos!

No curso 2008-2009, profesor e alumnos de Ciencias Sociais de 4º da ESO, do IES Pedregal de Irimia (Meira, Lugo) elaboramos un traballo de investigación que rematou neste blog. Con el, quixemos compartir con vós as moitas e fermosas historias que recollemos dos nosos vellos: cantigas, remedios contra as doenzas e mal de ollo, contos de lobos, nubeiros, ánimas e santas compañas, demos, mouros, encantos, e ata tesouros enterrados (organizadas por categorías). Poderedes acceder a todas elas, consultar imaxes, deixarnos comentarios e, por suposto, mesmo enviarnos as historias que vós mesmos recollades para sumar a este caderno. Que vos gusten!

miguelabraira@edu.xunta.es

Atopa!


Coñécenos en "Quen somos"