Isto pasoulle a un gaiteiro en pleno inverno, cando era frecuente que o chamaron dos pobos para ir tocar ás ruadas. Cando volvía xa da festa, atopouse cun valado e púxose a saltalo. Quedou sorprendido cando, ao tirarse para o outro lado, se encontrou cunha parella de lobos de fronte. Non lle deixaban pasar nin para un lado nin para outro. Entón o gaiteiro sacou un cigarro e, ao acendelo, os lobos viron o lume e apartáronse, deixándolle avanzar. Vendo que con este procedemento podía camiñar cara adiante, o gaiteiro foi acendendo mistos e avanzando, sempre cos lobos cerca del. Pero os mistos acabáronse e chegou un momento en que o gaiteiro xa non tiña con que defenderse. Os lobos, lonxe de apartarse do home, achegábanse a el máis e máis, vendo que xa non tiña lume na man. O gaiteiro empezou a recuar cara atrás, con tan boa sorte que tropezou cunha árbore que había detrás del e caeu xusto encima do fol da gaita. Nese momento empezou a sonar o roncón e os lobos, ao escoitalo botaron a correr tanto que deixaban máis terra por detrás que a que vían por diante.
E así foi como o bo do gaiteiro se librou das fauces do lobo.
ARP (Meira)
0 comentarios:
Publicar un comentario
Valoramos todo o que nos poidas aportar: comentarios, críticas, novos contos (lembra dicirnos onde se contan!), fotografías vellas, e por suposto tamén ánimos...