Antes había unha egua en cada casa para poder saír así a lonxe porque outros medios non había. Un día, o señor Toño do Valdeduque, volvendo da feira de Álvare, xa a altas horas da noite, en chegando ao Sarro de San Cosme, empezou a parárselle a egua no camiño. El picou “espuelas” e, aínda que de mala gana, de alí a un pouco a egua seguiu para diante. Aos poucos metros pasoulle outra vez, pero el volveu picar e, cando á egua lle pareceu o camiño seguro, arrancou. Tendo en conta que este animal era moi nervioso e tiña moi mal xenio, ben se deitou que o señor Toño a tiña ben amansada, porque se fora outro home tirábao no chan. Así foi indo ata chegar á Agra da Peneda, onde lle volveu o animal a parar e un pouco máis adiante igual. Cando lle faltaba aproximadamente un quilómetro para chegar á casa figuróuselle que algo se lle tirara do pico dunha parede diante dos fociños da egua. El notou daquela coma un frío que lle percorreu todo o corpo e estremeceuse. Tremeu co medo ao notar unha presenza estraña. Desta vez botou a egua a correr a galope e non parou ata chegar á casa. O señor Toño meteuse coa besta na cuadra preguntándose por que o animal lle fixera esas manobras, e el sentira ese medo. Acabou de desaparellar a egua e cerroulle a porta. Logo atravesou o camiño cara a casa onde vivía e mentres ía andando entráronlle outra vez eses arrepíos e suores que antes sentira. Por fin entrou na casa e, con curiosidade, colleu un foco e abriu o poxigo, alumando cara ao camiño. Cal foi a súa sorpresa cando viu alí, ao fondo, dous lobos sentados fronte á porta, tal vez esperando a que Toño volvera saír.
ARP (Meira)
0 comentarios:
Publicar un comentario
Valoramos todo o que nos poidas aportar: comentarios, críticas, novos contos (lembra dicirnos onde se contan!), fotografías vellas, e por suposto tamén ánimos...