Había no pobo un home que era rico e contrataba xente para que lle fora traballar. Un día foi a xunto de tres rapaces que había nunha casa, e aínda que un deles era algo retrasado, ofreceulles o traballo pagándolles ben, pero coa condición de que non tiñan que enfadarse. Se o facían, o amo sacaríalles unha correa de carne polo lombo abaixo. Cando empezaron a traballar, o señor foinos chamando un por un. Foi o primeiro e mandoulle ir por auga á fonte cun bocoi e traelo ao lombo para casa. Pero era tan pesado que o rapaz enfadouse e o amo quitoulle unha correa. A continuación mandoulle a outro ir a unha carballeira onde había carballos grandísimos, para traelos un a un ó lombo para a casa. O rapaz, ao ver que o traballo que lle mandaba era un imposible, enfadouse, e o señor sacoulle unha correa. Mandoulle tamén meter un carro das vacas por un furado moi pequeno, e queixándose de que iso non podía ser enfadouse tamén, co que conseguiu que o señor lle quitase outra correa. Cando chegou a vez do retrasado, colleu un sacho e púxose a sachar todo ao redor da fonte. Daquela chegou o amo e preguntoulle que facía. El respondeulle que estaba sacando a fonte para levala para ó pé da casa e non ter que ir pola auga. Cando o amo lle mandou ir á carballeira polas árbores, o rapaz fixo o mesmo que coa fonte, sachouna todo arredor co afán de poder levala enteira para a casa e non ter que levar un por un os carballos. Cando lle tocou meter o carro polo furado, agarrou unha brosa e púxose a facer estelas todo o carro,de maneira que o pasou polo furado.
Entonces chegou o amo e enfadouse de tal maneira, que o rapaz retrasado, vendo o que lle fixer aos outros, sacoulle unha correa do lombo ó amo.
ARP (Meira)
0 comentarios:
Publicar un comentario
Valoramos todo o que nos poidas aportar: comentarios, críticas, novos contos (lembra dicirnos onde se contan!), fotografías vellas, e por suposto tamén ánimos...