En tempos moito atrás andaban os pobres pedindo polas portas. E un bo día, chegou un pobre a unha cantina. Alí pediulle á dona se lle podía dar de comer, que levaba catro días sen probar bocado e traía moita fame. A muller mandoulle pasar e meteuno detrás da cociña para que se quentase, porque traía moito frío. Así que o home se quentou, a ama da taberna tróuxolle un prato de carne, chourizos, longaínzas e pan e un neto de viño. O home empezou a comer que parecía que aquilo lle ía chegar a pouco. Pero sen embargo non o comía todo, por que cando a muller non o vía metía no fardel que levaba. De tal maneira que cando acabou de comer empezou a cavilar como había de facer para pagar. Nesto chegou a señora pensando para si: “¿E este terá con que pagar? Porque o que comeu non llo podo perdoar”. Pero o pobre, en vistas de que tería que deixarlle a deber á taberneira por que non tiña peseta, pediulle unha pedra á señora e empezou a afiar o coitelo dicindo: “Afía miña coitela afía. Nunca mataches tabernera si no que la mates ahora. ¿Cuanto le debo, patrona?”. E así unha e outra vez. A señora, que aquilo oía, respondeulle con apuro: “Nada meu señoriño nada, vaia vostede con Dios”. Entón o vello saíu de detrás da cociña e, collendo o saco, botouse da taberna dicindo: “Longaniza mimeniza, pé de porco y su cachiza, todo va en mi fardel. Que lle vaia ben señora”. E a vella da taberna perdeu todo.
ARP (Meira)
1 comentarios:
Mi padre, que era de San Miguel de Tabagon, me solía contar esta historia y me ha encantado conocerla entera
Publicar un comentario
Valoramos todo o que nos poidas aportar: comentarios, críticas, novos contos (lembra dicirnos onde se contan!), fotografías vellas, e por suposto tamén ánimos...