Vellos con Historia

Caderno de historias de tradición oral recollidas na comarca de Meira (Lugo)

A cociña, as historias, o tempo, a memoria...


Durante o 2009 alumnos e profesor de Historia de 4º ESO do IES Pedregal de Irimia, rematamos este traballo, que nos mantivo varias semanas recollendo, en Meira e na súa contorna, moitas desas historias que perviven xa soamente na memoria dos máis vellos (palabra que empregamos sempre co maior dos afectos e dignidade)

Meses despois, a Consellería de Educación concedeu Premio de Innovación Educativa a este proxecto, e é por iso que as últimas publicacións deste blog conteñen alusións á reunión coa que o celebramos.

O tempo pasa e pasará inexorable, pero con el medrará tamén o valor deste sitio e das historias que acolle. Porque estas máis de oitocentas pequenas historias son o eco dun mundo que xa non existe máis que na memoria das nosas persoas máis vellas... e agora tamén neste blog.

Desexamos que vos guste e sorprenda tanto como a nós; e que tamén vós transmitades este mundo aos vosos, como souberon facer eles...

A imaxe que ilustra esta derradeira publicación podería ser a de calquera avoa ou abuela, na súa casa, rumiando as historias e lembranzas da súa vida mentres mira nostálxica pola ventá. A roupa tendida, a cociña fregada e o café preparado... lista en fin para contar as historias que tanto asombraban ao seu neto. Grazas, abuela. Grazas, abuelos. Seguides aquí, na memoria.


Os premios son para celebralos, e en Vellos con Historia tiñamos a festa do noso premio pendente.
Foi un día enorme. De reencontros, de xogo e de risas. 

Só me queda darvos unha vez máis as GRACIAS!
  • A este grupo incrible de alumnado (polo voso traballo e a ilusión coa que o vivistes)
  • Aos vosos avós, familiares e informantes (por axudarvos a descubrir e rescatar todas estas historias)
  • E aos que nos concederon este premio (por recoñecer o valor educativo que ten o que fixestes)
Foi un privilexio poder ser o voso profesor e compartir traballo, clases e vida con vós. 

¡¡SOMOS

3º PREMIO DE INNOVACIÓN EDUCATIVA 2009

DA XUNTA DE GALICIA!!

Hoxe, venres 18 de decembro de 2009, publicouse a lista de premiados no DOG


Aos nosos vellos (que o saiban, e que nunca deixen de contar historias).
A vós, alumnos de Historia do IES Pedregal de Irimia de Meira (Lugo), que o merecíades.



Isto é o que ten a rede... Navegas á busca de tesouros, e ás veces atopas algún. "ENTRE MAIORES" é un xornal de publicación mensual que chega a todo o país, e que está especialmente pensado para atender os intereses e necesidades informativas dos nosos maiores, ou, como diriamos con todo cariño e respecto neste blog, dos nosos vellos. Despois de descubrir este traballo na rede, a edición de Galicia quixo saber un pouco máis, e no seu nº 94 (outubro 2009) acaba de presentar o noso proxecto aos seus lectores coa reportaxe que podedes ver máis abaixo.
Que vos parece??? Saímos guapos???

VELLOS CON HISTORIA xa está participando na edición de 2009 dos PREMIOS Á INNOVACIÓN EDUCATIVA.
Este ano hai moitas experiencias inscritas, e a nosa é unha delas.
Visitando a dirección: http://centros.edu.xunta.es/contidos/premios09/ poderedes votar (do 1 ao 5, facendo clic nas estreliñas), apoiar ou deixar comentarios (xa temos algún!) en prol da nosa candidatura... ou de calquera outra que vos guste.
Grazas a todos!
Moito ánimo e, agora tamén, un abrazo para todo o centro.
Miguel Abraira.

Nunha casa había unha vez un defunto polo que se ía rezar o rosario aquela noite. Entón, como non lles dera tempo a cear, esconderon o touciño frito na tixola, na boca do forno, tan cedo coma chegou o primeiro veciño á casa. Na casa tiñan dous gatos, un chamábase Alegría e o outro Contento. Mentres rezaban, cada pouco ía un gato e collía un lisco. E o neno da casa protestaba:
- Mamá, mamá, Alegría levou outro.
- Cala a boca meu neniño cala, alegría é tristura.
- Mamá,mamá, ¡agora vai Contento!
- Oxalá, meu neniño, oxalá fora con alegría e contento.
ARP (Meira)

Había unha señora algo xorda que tiña un fillo moi listo que fora estudar ao estranxeiro. Entón, cando o fillo volveu, estaba a señora sentada detrás da cociña e púxose a contarlle a súa nai as aventuras e os costumes da terra onde pasara case toda a súa vida. Comezou preguntando a señora:
-E logo onde estiveches tanto tempo,meu fillo?
-En Inglaterra,mamá.
-Debaixo da terra,meu fillo?
-¡Non! ¡En Inglaterra,mamá!
-¡Ah! ¿E logo alí que comen, meu fillo?
-Verzas con unto,mamá.
-Cabezas de defunto, meu fillo, ¡léveme Dios!
-¡Non mamá! ¡Verzas con unto!
-¡Ah! ¿E alí como casan, meu fillo?
-Muller con home, mamá.
-¿Muller con nove meu fillo? ¡E eu aquí con sete nada máis!
ARP (Meira)

Este era un zoqueiro que estaba furando unha zoca no ripeiro, cando pasa un home que o saúda:
-¡Buenos días!
-¡Está dura!
-¿É farruca?
-Nin o diablo a fura.
ARP (Meira)

Había nunha aldea un matrimonio que tiña un fillo. Cando o rapaz era pequeno seu pai enfermou e morreu. Ademais, a mai e o pai tiñan algúns problemas entre eles, polo que non se levaban moi ben. Cando chegou o día do enterro, a mai deu en chorar ao ver ao seu defunto marido saír da casa, e o pequeño, ao ver a súa mai, tamén. De alí a un pouco, cando xa ían algo distanciados da casa, o neno de tanta pena que lle deu seu pai comezou a berrarlle: “¡Ai papá! ¡Adiós, papá!”. Nesto que súa mai lle respondeu: “¡Pepe, Pepiño, non lle berres a teu pai que é capaz de volver aínda para a casa!”.
ARP (Meira)

Isto era un neno dunha casa na que había invitados a comer. Por iso os maiores puxéronse a atender aos invitados e ao neno non lle daban dado de comer. De nada servían as súas protestas, e dunha vez a súa nai respondeulle:
-Cala meu neniño, primeiro son os de fóra, antes que os da casa.
Ao que o neno respondeu:
-Nunca da casa fora.
Outro día na mesma casa púxose moi enferma a velliña da casa. E cando tiñan a cea feita, e xa ían comer cachelos e carne, a señora púxose muito máis mal e toda a familia subiu ao cuarto atendela.
Cada vez que baixaba un o pequeno dicía:
-Ai mamá, eu teño muita fame, ¿cando cenamos?
Ao que respondían:
-Espera neniño, que primeiro hai que velar polos maiores da casa.
E o neno volvía preguntar
-A ver, ¿cando comemos, que teño moita fame?
-Ai, está moi maliña espera un pouco...
Na derradeira vez, o neno xa algo cabreado dixo:
-Pero a ver, ¿imos cear ou non imos cear?
-Non ho, que non ves que...
-Ai ho, tamén vaia por Dios, nin morre a vella nin comemos os cachelos.
ARP (Meira)

Un día foron cavar o raposo e o lobo e levaban unha ola de leite. Traballaban duro, pero o raposo cansaba e cada pouco quedábase mirando para o ceo, dicindo que o chamaban del para ir a un bautizo. Así, cada pouco ía a onde tiñan a ola co leite e pegáballe uns tragos, ata que por fin o acabou. E claro, cando veu a hora de comer, o lobo protestou. O raposo, para librarse, dicía que el non fora, pero o lobo non deixaba de darlle a culpa. Entón, como durmían xuntos, fixeron un trato: “Pois de noite, ao que lle súe a barriga, é que bebeu o leite”. E así foi como aló polo medio da noite o raposo mexoulle pola barriga ó lobo, e este tivo que cargar coa culpa.
ARP (Meira)

Era unha noite na que un raposo tiña fame e, como non tiña pitas para comer, decidiu subir a unha figueira e coller figos. Dera en tronar naquel momento e grazas ao relustro podía ver os figos e recollelos. Cada vez que collía un e quería outro dicía mirando cara o ceo: “Aluma Lupín, que che hei dar deles”, e o viña un relustro e o raposo collía outro figo. “Aluma Lupín, que che ei dar deles”, e outro relustro e outro figo que comía o raposo. Así ata que dunha vez veu un relustro, caeulle xusto encima e enganchoulle o rabo. Daquela o raposo escapou a fume de carozo e non se volveu acordar da fame nin dos figos.
ARP (Meira)

Había no pobo un home que era rico e contrataba xente para que lle fora traballar. Un día foi a xunto de tres rapaces que había nunha casa, e aínda que un deles era algo retrasado, ofreceulles o traballo pagándolles ben, pero coa condición de que non tiñan que enfadarse. Se o facían, o amo sacaríalles unha correa de carne polo lombo abaixo. Cando empezaron a traballar, o señor foinos chamando un por un. Foi o primeiro e mandoulle ir por auga á fonte cun bocoi e traelo ao lombo para casa. Pero era tan pesado que o rapaz enfadouse e o amo quitoulle unha correa. A continuación mandoulle a outro ir a unha carballeira onde había carballos grandísimos, para traelos un a un ó lombo para a casa. O rapaz, ao ver que o traballo que lle mandaba era un imposible, enfadouse, e o señor sacoulle unha correa. Mandoulle tamén meter un carro das vacas por un furado moi pequeno, e queixándose de que iso non podía ser enfadouse tamén, co que conseguiu que o señor lle quitase outra correa. Cando chegou a vez do retrasado, colleu un sacho e púxose a sachar todo ao redor da fonte. Daquela chegou o amo e preguntoulle que facía. El respondeulle que estaba sacando a fonte para levala para ó pé da casa e non ter que ir pola auga. Cando o amo lle mandou ir á carballeira polas árbores, o rapaz fixo o mesmo que coa fonte, sachouna todo arredor co afán de poder levala enteira para a casa e non ter que levar un por un os carballos. Cando lle tocou meter o carro polo furado, agarrou unha brosa e púxose a facer estelas todo o carro,de maneira que o pasou polo furado.
Entonces chegou o amo e enfadouse de tal maneira, que o rapaz retrasado, vendo o que lle fixer aos outros, sacoulle unha correa do lombo ó amo.
ARP (Meira)

Había unha vez un matrimonio coas súas vaquiñas e os seus cochiños e o día que levantaban a carne, o home colleu o touciño co xamón e todo e díxolle á muller:
-Toma, sube isto ao faio que é para maio largo.
Pero coincidiu que pasaba por alí un home, e oiuno. Esperou a que marchase Xan e cando estaba a muller sola na casa petou á porta.
-Quén é?
-Son Maio Largo e veño polo touciño ese.
Entón baixa a muller o touciño e dállo a aquel descoñecido.
Cando chegou Xan de novo á casa, botan os dous a buscalo ladrón. E chegaron a un sitio onde había unha árbore enxertada, e antes cando se facía un enxerto botábaselle buleira de vaca, entón dille Marica a Xan:
-Oe Xan, oe Xan, e que vaca sería a que cagou tan alto?
Seguiron andando e cando chegaron a unha costa lisa a Marica deulle gana de mexar, e como ía muito diante Xan, berroulle:
-Oe Xan, mira, un, dous, tres, catro, cinco, seis... sete carreiros!
Pero debaixo parece que debía haber unha cova de ladróns que, ao oír berrar á muller, botáronse a correr a fóra “a cien”, e escaparon. Entón Xan atopou a cova e viu que tiñan alí moito ouro. Volveron os dous para a casa, prepararon o carro e un pote de papas, e encamiñáronse de novo ao furado. Marica diante chamando ás vacas, e Xan e o pote e a garfela detrás no carro. Entón cada pouco Xan dáballe unha garfelada de papas a Marica, quen dicía:
-Oe Xan, oe Xan! E choven papas quentes!
Ao chegar á cova, cargaron todo o ouro que puideron e volveron para a casa. Despois daquelo cambioulle o panorama a Xan porque se viu moi rico. Entón, a xustiza foi investigar a ver de onde lle viñeran tanta riqueza. Ao día seguinte foron declarar e Xan dixo o que lle conviña para librarse, pero Marica contoulles ós xuíces que tantos cartos eran dun día que foran polo tesouro nun carro, un día que chovían papas quentes. Con iso o xuíz xa non creu nada.
ARP (Meira)

En tempos moito atrás andaban os pobres pedindo polas portas. E un bo día, chegou un pobre a unha cantina. Alí pediulle á dona se lle podía dar de comer, que levaba catro días sen probar bocado e traía moita fame. A muller mandoulle pasar e meteuno detrás da cociña para que se quentase, porque traía moito frío. Así que o home se quentou, a ama da taberna tróuxolle un prato de carne, chourizos, longaínzas e pan e un neto de viño. O home empezou a comer que parecía que aquilo lle ía chegar a pouco. Pero sen embargo non o comía todo, por que cando a muller non o vía metía no fardel que levaba. De tal maneira que cando acabou de comer empezou a cavilar como había de facer para pagar. Nesto chegou a señora pensando para si: “¿E este terá con que pagar? Porque o que comeu non llo podo perdoar”. Pero o pobre, en vistas de que tería que deixarlle a deber á taberneira por que non tiña peseta, pediulle unha pedra á señora e empezou a afiar o coitelo dicindo: “Afía miña coitela afía. Nunca mataches tabernera si no que la mates ahora. ¿Cuanto le debo, patrona?”. E así unha e outra vez. A señora, que aquilo oía, respondeulle con apuro: “Nada meu señoriño nada, vaia vostede con Dios”. Entón o vello saíu de detrás da cociña e, collendo o saco, botouse da taberna dicindo: “Longaniza mimeniza, pé de porco y su cachiza, todo va en mi fardel. Que lle vaia ben señora”. E a vella da taberna perdeu todo.
ARP (Meira)

Antes había unha egua en cada casa para poder saír así a lonxe porque outros medios non había. Un día, o señor Toño do Valdeduque, volvendo da feira de Álvare, xa a altas horas da noite, en chegando ao Sarro de San Cosme, empezou a parárselle a egua no camiño. El picou “espuelas” e, aínda que de mala gana, de alí a un pouco a egua seguiu para diante. Aos poucos metros pasoulle outra vez, pero el volveu picar e, cando á egua lle pareceu o camiño seguro, arrancou. Tendo en conta que este animal era moi nervioso e tiña moi mal xenio, ben se deitou que o señor Toño a tiña ben amansada, porque se fora outro home tirábao no chan. Así foi indo ata chegar á Agra da Peneda, onde lle volveu o animal a parar e un pouco máis adiante igual. Cando lle faltaba aproximadamente un quilómetro para chegar á casa figuróuselle que algo se lle tirara do pico dunha parede diante dos fociños da egua. El notou daquela coma un frío que lle percorreu todo o corpo e estremeceuse. Tremeu co medo ao notar unha presenza estraña. Desta vez botou a egua a correr a galope e non parou ata chegar á casa. O señor Toño meteuse coa besta na cuadra preguntándose por que o animal lle fixera esas manobras, e el sentira ese medo. Acabou de desaparellar a egua e cerroulle a porta. Logo atravesou o camiño cara a casa onde vivía e mentres ía andando entráronlle outra vez eses arrepíos e suores que antes sentira. Por fin entrou na casa e, con curiosidade, colleu un foco e abriu o poxigo, alumando cara ao camiño. Cal foi a súa sorpresa cando viu alí, ao fondo, dous lobos sentados fronte á porta, tal vez esperando a que Toño volvera saír.
ARP (Meira)

Isto pasoulle a un gaiteiro en pleno inverno, cando era frecuente que o chamaron dos pobos para ir tocar ás ruadas. Cando volvía xa da festa, atopouse cun valado e púxose a saltalo. Quedou sorprendido cando, ao tirarse para o outro lado, se encontrou cunha parella de lobos de fronte. Non lle deixaban pasar nin para un lado nin para outro. Entón o gaiteiro sacou un cigarro e, ao acendelo, os lobos viron o lume e apartáronse, deixándolle avanzar. Vendo que con este procedemento podía camiñar cara adiante, o gaiteiro foi acendendo mistos e avanzando, sempre cos lobos cerca del. Pero os mistos acabáronse e chegou un momento en que o gaiteiro xa non tiña con que defenderse. Os lobos, lonxe de apartarse do home, achegábanse a el máis e máis, vendo que xa non tiña lume na man. O gaiteiro empezou a recuar cara atrás, con tan boa sorte que tropezou cunha árbore que había detrás del e caeu xusto encima do fol da gaita. Nese momento empezou a sonar o roncón e os lobos, ao escoitalo botaron a correr tanto que deixaban máis terra por detrás que a que vían por diante.
E así foi como o bo do gaiteiro se librou das fauces do lobo.
ARP (Meira)

Contaba o avó de meu bisavó que unha vez viña de ver unha moza que tiña na parroquia veciña. Era noite pecha e non se vía nada, porque el ademais non levaba luz. Indo por un carreiro que atravesaba un prado, ao saír pola cancela que cerraba a finca, pareceulle ver un vulto pegado á macheta. Xa dera dous ou tres pasos adiante cando se revolveu e dixo: “Marica, ¿ti que fas aí?” pensando que era unha señora pobre do mesmo pobo que tiña por costume andar de noite e aniñarse apegada a calquera parede. Pero ao non atopar resposta ningunha volveu preguntar outra vez o mesmo. E entón unha voz descoñecida contestoulle: “Segue sempre o teu camiño e nunca mires para atrás. Ben deitas do que levas no peto”. Entón, intimidado, chegou á casa e deitouse. Ata o outro día durmiu e descansou, pero nada máis erguerse, ao amencer, acordouse do que pasara. Empezou a revolver nos petos da roupa do día anterior e sorprendeuse bastante ao atopar un crucifixo que estaba precisamente roto en dous cachos. Aos dous días era domingo e, despois da misa, foi contarllo ao cura, quen lle respondeu: “Sonche bruxas que andan de noite buscando almas para levar. Nunca vaias sen algo bendito no peto”…
ARP (Meira)

O día de ano novo, botábase sal pola fiestra para fóra, para espantar así ás meigas.
ARP (Meira)

A noite de fin de ano deixábase encima da soleira da fiestra doce areas de sal, cada unha correspondente a un mes do ano. O seguinte día pola mañá (aninovo) mirábase cal era a area que máis mollada estaba e a cal dos doce meses correspondía, sabendo así o mes que viría con máis choiva. A isto chamábanselle as témporas e servían, entre outras cousas, para orientarse coas tormentas.
ARP (Meira)

Antigamente críase que o cuco era un paxaro que daba moi mala sorte, sobre todo cando cantaba pola mañá e o escoitabas sen ter comido nada. Por iso, nada máis espertar, bebíase enseguida un grolo dun vaso de auga que acostumaba estar xa na mesiña de noite. Do contrario, se o escoitabas sen ter comido nada, dicíase que te "capara" o cuco, e polo tanto a mala sorte acompañaríate durante todo o ano.
ARP (Meira)

Se ao camiñar ou botar unha carreira, sentíase un punto no peito, había que coller un coio do camiño, poñelo no sitio do punto, cuspirlle e deixar a pedra de novo no sitio do que se collera.
ARP (Meira)

Ás veces, cando ía un rapaz a unha casa ver unha moza, a mai da rapaza facíalle un beberaxe para que non se puidera separar dela e quedara prendado para sempre.
ARP (Meira)

Antes, cando algo se perdía, conviña rezar o responso a San Antonio; pero non valía rezalo de calquera maneira. Tiña que ser tres veces, de corrido e sen equivocacións, porque senón xa se podía ter por perdido para toda a vida.
ARP (Meira)

Antigamente, para que comeran as ánimas, collíase o que quedaba no fondo do saco dalgunha colleita, e sementábase ao chou, tirando presadas ao aire. Algunha xente asegura que realmente esas sementes que se deixaban para as ánimas non nacían na terra.
Ademais, na Noiteboa, igual que se fai hoxe cos Reis Magos, deixábaselles ás ánimas unha bandexiña con doces, para que cando viñeran pola noite puidesen comer.
ARP (Meira)

A loba parda
Estando yo en la mi choza pintando la mi caiada,/las cabrillas altas iban y la luna rebajada,/ malbarrutan las ovejas que no paran en la majada./Vi venir siete lobos por una oscura encañada,/venían echando a suertes cuál entrara en la majada/, le tocó una loba vieja, patituerta, cana y parda/ que tenia los colmillos como punta de navaja./Dio tres vueltas al redil y no pudo sacar nada,/a la otra vuelta que dio sacó la borrega blanca./ Hija de la gran churra, nieta de la origisana,/ la que tenían mis amos para el domingo de Pascua./Aquí mis siete cachorros, aquí perra trujillana,/ aquí perra de los hierros a correr la loba parda,/ si me la cobráis cenaréis leche y hogaza/ y si no me la cobráis cenaréis de mi caiada./Siete leguas la corrieron por unas sierras muy agras/ y al subir un cotorrito la loba ya iba cansada:/ Tomad perros la borrega sana y salva y buena como estaba./ No queremos tu borrega de tu boca alobada,/ queremos tu pellejo para el pastor una zamarra/de la cabeza un zurrón para meter las cucharas/ y las tripas para viruelas para que bailen las damas.

O testamento do gato
Estaba o señor gato/nunha mesota sentado,/chegoulle a gran noticia/que había de ser casado/cunha gata montañesa/que tiña os seus cen ducados./O gato con tanta risa,/caeu do tellado abaixo,/rompera sete costelas/e a puntixiña do rabo./Mandaron chamar ó cura/e xuntamente ó escribano,/pra facer o testamento/do moito que había roubado:/Cen varas de longanizas,/outras tantas de pescado,/trinta quilos de pescado/e quince de pan de millo,/e despois cando me enterren,/non me enterren en sagrado,/entérrenme naquel campiño/e o testamento cerrado.

A miña burriña
Anque vou pró fiadeiro/non vou por fiar na roca/vou por tocar o pandeiro, ¡ai!/que esta noite a min me toca./A miña burriña cando vai ó muiño ¡vai!/toda enfariñada cheíña de frio/cheíña de frio e máis de xeada ¡ai!/a miña burriña sempre vai cargada./Esta noite hei de ir a verte/meniña non teñas medo/déixame a porta trancada ¡ai!/cunha palla ¡ai! de centeo./A miña burriña cando vai ó muiño ¡vai!/toda enfariñada cheíña de frio/cheíña de frio e máis de xeada ¡ai!/a miña burriña sempre vai cargada./Esta noite e maila outra/e maila outra pasada/abalei unha pereira ¡ai!/que nunca foi abalada./A miña burriña cando vai ó muiño ¡vai!/toda enfariñada cheíña de frio/cheíña de frio e máis de xeada ¡ai!/a miña burriña sempre vai cargada./Esta noite hai unha fía/e tamén hai espadela,/bóteme o caldo mama ¡ai!/que eu tamén quero ir a ela./As mozas de Rao cando van co ganado ¡ai!/chantan a variña no medio do prado/no medio do prado, no medio da veiga ¡ai!/ás mozas de Rao non hai quen as queira./Esta noite hai unha fia,/coa miña variña branca,/o que gaste de zapatos ¡ai!/heino de aforrare de manta./As mozas de Rao cando van co ganado ¡ai!/chantan a variña no medio do prado,/no medio do prado, no medio da veiga ¡ai!/ás mozas de Rao non hai quen as queira.

Testamento da burra

Era noite, xistra e vento,/das máis crudas do inverno,/despedíuse aquela burra/dos veciños de Soutelo./A pobre botou as contas/co seu Pedro que a deixou,/púxose a andar o camiño/e hasta o Chao non parou./A burra chegou o Chao/estando todos na cama,/non sendo a muller do xastre/que aínda por alí andaba./¡Ai! señora da miña alma,/se me dera unhas palliñas/que si lle morro con vida/heille facer a mandiña./Aló pola media noite/a burra urneou ben alto/mandándolle a Salustiano:/Vaime buscar o notario./O notario non estaba/que iba de viaxe en Abres,/quedando de apoderado/don José Antonio de Ares./A burra estaba apurada/mais non perdera o sentido/deixándolle a Salustiano/do remollo tercia e quinto./A burra foi rexistrada/por varios veterinarios./Un foi Darío de Leo,/outro Minguín de Navallos./Heiche chamar a Minguín/que bon boticario é,/mais a min quítame a vida/e tú quedache de a pé./Iban con ela pra o río/revolvéronse hacia arriba./Poñerei establecimiento/e ti unha carnicería./Carnicería non poño/que eu quero selo/mañán terei que dar parte/dese López de Soutelo./Iremos ver o ferreiro/viranlle a el moito mellor/as catro patas da burra/pra que faga o mostrador/e por si acaso se enfada/o noso amigo Pedreiro/darémoslle a orella esquerda/que teña como recordo/e a Amadeo do Zapateiro/a arandela no cú/a ver si desa maneira/pode gozar máis salú./E a Eustasio de Xacobo/toda a tripa cagadeira/pra que poña de altavoz/cada domingo de feira./Á familia de Portela/darémoslle toda a grasa/pra que fagan bos buñuelos/o día do ramo da casa./Si me queres escribir/pra onde vou ben o sabes/mándasme a correspondencia/aló pra San Tirso de Abres./Ó cabo de quince días/de xeito un pouco torto/escribiulle a burra a Pedro/dende o Chao do Conforto./Na carta ela dicía:/Mándoche dende Conforto/este novelo de cáñamo/pra coser o rancho roto./Adiós meu Pedro querido/meu Pedro das barbas rubias/Dios che dea moita salú/pra negociar moitas burras.
IAV (O Chao, Ribeira de Piquín)

E en Crende naceu a fame/e polo Candal pasou/e en Rielo se quedou.
TVG (Meira; e Pousada, na Pastoriza)

Os pueblos da Ribeira
Muiñeiros en Piquín,/ruadores en Santalla,/irémonos ás Figueiras/que mazan bien la badana./Moito señorío en Boel,/Santa Comba xente honrada,/sufaldregos en Navallos/mantigueiros os da Vara./Graxes en Montefurado,/en Esqueira la canalla,/zapateiro en Pousadoiro,/Paíme moita castaña./Vamos camín de San Jorge,/por alí a vanidad andaba,/moito vento en Acebedo,/a colada fai pousada./Vamos ver ó noso irmán/a Valistán de Casaca,/talegueiros os de Mestre/latigantes os de Barcia./Moita niebla en Sadradín,/que a Budueira fai pousada/maiceiros en Soutelo,/en Lamas a caravanta./Acebreiros en Muxén,/en Seoane moitas cabras,/baixaremos a os Baos/que tocan ben a campana./Beben viño os de Llencias,/que non proban pinta de auga/subiremos a Invernego/que se bebe por un pelo./O San Antonio en Vilar,/en Cartea la manzana/graxos os de Cabaceira/de Invernego ven a casta./Bos campos ten Xestoso/pra dar vista á Fonsagrada/que alí haiche moi bos gatos/que se lamen moito a pata.
IAV (O Chao, Ribeira de Piquín)

Saldoira, Saldoiriña e A Veiga da Pada, tres lugariños que non valen nada.
MA (Beche, Xudán, A Pontenova)

Cargada de perfumes/brillantes de hermosura,/te traigo virgen pura/las rosas de mi amor./Aquí te las deposito/sobre tu altar radiante/mi corazón amante./Y verás en flor/que tus preciosas flores/lanzarán sus olores,/perfume en tu altar/que ante tus plantas bellas/dulce muerte/que mas desdichosa suerte/pudiera desear.
JFF (Hermunde, Pol)


Cuando era pequeñito/e iba con el ganado/comía la meriendita/antes de llegar al prado.

Arrimeime a un pino verde/por ver se me consolaba/e o pino como era verde/al verme llorar lloraba.

Tengo, tengo, tengo,/tu no tienes nada,/tengo tres ovejas en una cabaña./Una me da leche/otra me da lana/y otra mantequita/para toda la semana.

San Antonio está preñado/e ha de parir polas orellas./Tamén san Antonio sabe/de que mal morren as nenas

Si yo fuera cazador/y tuviera una escopeta/cazaría una mujer/desas que gastan peineta.

Os rapaciños de ahora andan o tuturulú/cun far de liño de fabas atarandada no cú.

Pola abertura da saia/vinche baixar un piollo,/viña de Serra Morena/ traía un parche nun ollo.

El día que yo nací/nacieron tres cosas buenas,/nació el sol y la luna/y nacieron las estrellas.

O río cando vai cheo leva carballos e follas,/tamén podía levar as lenguas murmuradoras.

Chamáchesme pera podre/siendo tu mazá podrida/la pera podre se come/y la manzana se tira.

Chamácheme pouca roupa/se tes muita teu proveito/teño menos que quitar/á noite cando me deito.

E a miña muller morreume e enterreina pola casa,/deixeille un ollo de fora pa que vise o que se pasa./E a miña muller morreume e enterreina no palleiro,/deixeille un brazo de fora pa que tocara o pandeiro.

Io Carballo da Retorta/ten a folla revirada/que lla revirou o aire/unha noite de xeada.

A muller de San Guindán/e máis outra galdrumeira/tiraron a San Guindán/de fuciños na lareira.
TVG (Meira; Pousada, A Pastoriza)

Pica canteiriño, pica,/pica na pedra miúda,/pica na muller allea,/que outro picará na túa.

O loureiro raíz de ouro,/bota folliñas de prata./Coller amores non custa,/olvidalos si que mata.

Cando eu morra enterrádeme/con ela no palleiro/e poñeime as mans dentro,/pa tocarlle no pandeiro.

A raíz do toxo verde/é moi mala de arrincar,/os amoriños primeiros,/son moi malos de olvidar.

Os curas e os taberneiros/teñen moito parecido:/os curas bautizan nenos/e os taberneiros o viño.

Arrimeime, arrimeime,/funme arrimando,/á criada do cura/e cominlle o caldo.

Os solteiros valen ouro,/os casados valen prata,/os viúvos caldeirilla/e os vellos folla de lata.

Pasei pola túa porta,pedín auga e non ma deches,válgame Dios queridiña,qué soberbia te fixeche.

Non te cases cun ferreiro,que che bota moitas chispas,cásate cun carpinteiro,que che fai cousas bonitas.

Debaixo das túas faldras/tes un racimiño de uvas,/con permiso de teu pai,/vou mirar se están maduras.

Esta noite no muíño/ha de haber o que ha de haber,/as tellas do seu tellado,/han de ir ó río beber.

Esta noite hei de ir ás mozas,/esta noite hei de ir a elas,/quen ten fillas que as garde,/que eu non hei gardar delas.

Esta noite fun ó muíño/sen ter maíz que moer,/enredeime coas rapazas/sen ter moito que facer.

Fuches falar mal de min/a quen tanto me quería,/a ti todo che escoitaba,/e a min todo me dicía.

Fixen a cama no río/e a cabeceira nun toxo;/esta miña morenura/non é para ti, garboso.

Tienes una cinturita,/por gusto te la medí,/con la cinta de mi burra/catorce vueltas le di.
AGG (Currás, Bretoña, A Pastoriza)

Gaiteiro de Trabada
Se queren saber señores/de que pueblo é o gaiteiro,/de Barreiros e Trabada/eu e mailo compañeiro./Anda que no te quiero/por sucia y por fea/Anda que no te quiero/busca quién te quiera./O gaiteiro de Trabada/foi tocar a Santa Marta/adormeceu no camiño/veu un can e roeulle a gaita./Anda que no te quiero/por sucia y por fea/Anda que no te quiero/busca quién te quiera./A meniña na fonte/lle dixo ó caldeiro/eu quixera que foras/un mozo solteiro./Trabada ten gaiteiro/nós en Páramo tamén/gaiteiro xa non vive/pero a casa queda en pé./Anda que no te quiero/por sucia y por fea./Anda que no te quiero/busca quién te quiera./Teño catro patacos/no meu tabaqueiro,/casa conmigo nena/que teño diñeiro.

Cantámosche os reis
Cantámosche os reises/guedellos de cabra/cantámosche os reises/non nos deches nada./Somos os reises do kikirikí/vamos a ver que nos botan aquí/sómos os reises do kakaraká/vamos a ver que nos botan alá./Somos os reises da cabra afanada/viñemos eiquí, no nos deron nada/.Cantámosche os reises/guedellos de cabra/cantámosche os reises/non nos deches nada./Aquí vimos catro cantaremos oito/diano aguinaldo fuciño de cocho,/ó aguinaldo vimos, ó aguianaldo andamos,/se nos dan touciño tamén o levamos,/sómo-los reises do kikirikí/se non nos dan nada,/cagámoslle eiquí./Cantámosche os reises/guedellos de cabra/cantámosche os reises/non nos deches nada.
IAV (O Chao, Ribeira de Piquín. Popularizada por Seivane)


Séntate aquí miña prima/tú nunha pedra e eu noutra/axudarasme a cantar/que a miña fortuna é pouca.

Toca meu violo toca/e non deixes de tocar/xa que me costache os cartos/axúdamos a ganar./Eu cantar cantaba ben/pero a gracia non me axuda,/teño que tomar o zumo/dunha laranxa madura.

Indo pola mar abaixo sentín cantar e cantei,/válgame dios qué bien canta la sirenita del rey./Indo pola mar abaixo perdín a miña navalla/busca barqueiro busca que alá na mar che quedaba.

Dánolo aguinaldo/anque sea pouco/un touciño enteiro/e mitá do outro.

O cantar vai no ter gracia,/e bailar no ser lixeiro,/e o enamorar en ser guapo/e o ser rico en ter diñeiro.

Me gusta cantar al viento/porque vuelan mis cantares/y digo lo que siento/en toditos los lugares.

Se queres que o carro cante/móllalle o eixe no río,/e despois de ben mollado/canta como un asubío.

Furafollas toca a gaita/e a muller toca o tambor,/Mariniña a pandereta/e o burro baila ó redor.

E tu non viche o que eu vin/na feira de Lindín,/unha cabra cunha roca/e un castrón cun violín.

A que non viche o que eu vín/na feira de Monterroso/vintecinco costureiras/dacabalo dun rapaso.
TVG (Meira; Pousada, A Pastoriza)

Pasé por Madrid cantando/sin saber lo que decía/y a cuesta de mi dinero/aprendí lo que quería.

Teño de ir a Buenos Aires/teño dir e máis non vou,/pola falta do diñeiro/muita máis xente quedou.

Buenos Aires, Buenos Aires,/buena tierra debe ser,/marchan chicos de quince anos/y no se acuerdan de volver.

Cuando salí de la Habana/dí la vuelta a mí sombrero./Adiós chicas de la Habana/ladronas de mi dinero.
TVG (Meira; Pousada, A Pastoriza)


Benvidos!

No curso 2008-2009, profesor e alumnos de Ciencias Sociais de 4º da ESO, do IES Pedregal de Irimia (Meira, Lugo) elaboramos un traballo de investigación que rematou neste blog. Con el, quixemos compartir con vós as moitas e fermosas historias que recollemos dos nosos vellos: cantigas, remedios contra as doenzas e mal de ollo, contos de lobos, nubeiros, ánimas e santas compañas, demos, mouros, encantos, e ata tesouros enterrados (organizadas por categorías). Poderedes acceder a todas elas, consultar imaxes, deixarnos comentarios e, por suposto, mesmo enviarnos as historias que vós mesmos recollades para sumar a este caderno. Que vos gusten!

miguelabraira@edu.xunta.es

Atopa!


Coñécenos en "Quen somos"